Hoxe pechamos un proxecto que nos acompañou ao longo de todo o curso: o noso PDI, no que nos mergullamos nunha aprendizaxe chea de aventuras sobre a fauna e a flora de Carballo. Foi un camiño fascinante no que descubrimos a riqueza natural da nosa contorna, investigamos, creamos e compartimos experiencias inesquecibles.
Para celebrar este peche, invitamos ás familias a compartir connosco un ratiño do último día de cole, onde cada aula presentou os produtos finais elaborados durante o proxecto. Os resultados foron tan diversos como enriquecedores: desde exposicións ata xogos de mesa. A ilusión das persoas asistentes reflectía o esforzo e a dedicación de todo o alumnado e profesorado ao longo do curso.
Este peche de proxecto non é un punto final, senón un paso máis na nosa aprendizaxe sobre o mundo natural. Queremos agradecer especialmente ás familias que colaboraron en pequenos proxectos de aula, á asociación Senda Nova e Vía inqueda polo seu apoio e ás librerías de Carballo que nos axudaron a enriquecer a nosa biblioteca. Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta experiencia e contribuíron a que cada descubrimento fose único e especial. Seguiremos explorando e aprendendo!