Este ano, por terceiro ano consecutivo, desde o CRA reafirmamos o noso compromiso coa recuperación e posta en valor do Entroido tradicional, unha das festas máis arraigadas na nosa cultura. Para iso, contamos coa colaboración da Asociación Escola do Alprende de Oza, que leva anos traballando na comarca de Bergantiños pola recuperación desta celebración popular.
Esta asociación, con sede en Carballo, dedícase á ensinanza do baile e da música tradicional, así como á xestión cultural vinculada á nosa tradición. Nesta edición, lucíronse pezas recuperadas especificamente da parroquia de Cances, co protagonismo dos madamitos, figuras propias do Entroido local recuperadas grazas ao seu labor de investigación.
Foi unha celebración chea de diversión, identidade e música. Un paso máis na nosa aposta por manter vivas as tradicións e facer que formen parte da vida de toda a comunidade educativa.