Durante a xornada, os nenos e nenas desprazáronse ao Mercado Municipal de Carballo para poñer á venda diferentes produtos elaborados por eles mesmos ao longo do curso. Entre os artigos ofrecidos atopábanse diversas manualidades e artesanías, así como produtos da horta escolar, cultivados e coidados polo propio alumnado. A experiencia permitiulles coñecer de primeira man o funcionamento dun mercado, desenvolver habilidades comunicativas e valorar o esforzo que hai detrás de cada produto.
Aproveitando que estes días se está a celebrar o Rexenera Fest, a actividade continuou cun roteiro polos murais de Carballo. Un percorrido no que o alumnado puido descubrir algunhas das obras de arte urbana que embelecen as rúas da vila e que converten os seus espazos públicos nun auténtico museo ao aire libre. Durante o traxecto, tiveron tamén a oportunidade de atoparse con algunhas das artistas que estaban a pintar nese momento, observando o proceso creativo en directo e mesmo falando con elas sobre as súas obras e técnicas.
Esta visita serviu tamén para achegarse ao espírito deste festival de arte urbana, no que ano tras ano, transforma Carballo a través de intervencións artísticas de gran calidade. Grazas a este evento, artistas de diferentes lugares deixan a súa pegada nos muros da localidade, creando obras que invitan á reflexión, fomentan a creatividade e contribúen á revitalización dos espazos urbanos. O contacto directo coas creadoras permitiunos comprender mellor o valor deste festival e o traballo que hai detrás de cada mural.
A Pequefeira e o roteiro dos murais convertéronse así nunha experiencia moi enriquecedora, na que o alumnado puido combinar aprendizaxes relacionadas co emprendemento, a sustentabilidade, a arte e o coñecemento da contorna, desfrutando dunha xornada diferente e chea de descubrimentos. Un día no que, ademais de poñer en práctica moitos coñecementos, puideron vivir a arte en primeira persoa.
Ademais, deixámosvos a continuación a ligazón á entrevista realizada por Cadena SER, na que se dá a coñecer o traballo desenvolvido polo noso centro arredor dos murais de Carballo.
https://cadenaser.com/audio/cadenaser_ferrol_avivirlasrias_20260606_130516_140000/?ssm=whatsapp



