Un ano máis, con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, o 14 de xuño, as escolas implicámonos nunha xornada de sensibilización arredor da diversidade comunicativa e cultural. Este ano fixémolo baixo o lema “As linguas de signos fannos máis fortes”, que nos convida a recoñecer o valor das linguas de signos como parte esencial da nosa sociedade.
Co apoio da documentación facilitada por Gema, a nosa intérprete de Lingua de Signos, cada grupo afondou na figura dunha persoa relevante para a comunidade xorda, coñecendo a súa traxectoria e o seu impacto na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais. Esta aproximación permitiunos achegarnos a outras realidades desde unha perspectiva de respecto e recoñecemento, poñendo o foco na riqueza da diversidade.
Como parte da actividade, cada escola realizou un paseo pola contorna para repartir carteis informativos nos buzóns da veciñanza, dando a coñecer esta lingua e a súa importancia.