Amosando publicacións coa etiqueta visitas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta visitas. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de maio de 2025

Unha mañá especial na biblioteca: contacontos e formación de usuarios!

O pasado luns 12 de maio, o alumnado de Educación Primaria gozou dunha mañá moi especial na biblioteca central do CRA. 

Tivemos un contacontos do libro O Rabaño de Margarita del Mazo, historia que nos achegou ao mundo das ovellas que saltan valados para axudar a durmir ata que unha delas está farta desta rutina.

Logo de meternos na historia, iniciamos a formación de usuarios, onde aprendemos a movernos pola biblioteca e descubrir os seus recursos. Durante a sesión:

  • Aprendemos a manipular as páxinas dos libros correctamente para conservar os materiais no mellor estado posible.
  • Xogamos co titorial de formación de usuarios.
  • Exploramos a CDU (Clasificación Decimal Universal), para entender a organización dos estantes dos libros.
  • Desciframos as etiquetas dos tejuelos, identificando a información clave de cada exemplar.

Para reforzar todo o aprendido, participamos en dous xogos moi divertidos nos que asociamos portadas de libros cos seus tejuelos correspondentes e outro no que tivemos que localizar un libro concreto no estante, a partir do seu tejuelo.


Ao longo da xornada tamén utilizamos o material do Recuncho Argalleiro, experimentando e explorando novas formas de aprendizaxe dentro da biblioteca.

 


 

Por último, aínda nos deu tempo a facer préstamo de libros, levando con nós lecturas para seguir gozando da lectura. Se queres saber todos os libros cos que contamos para ver cales son os que che gustaría consultar, accede aquí ao noso catálogo.

A nosa biblioteca é un lugar de encontro, descubrimento e diversión. Seguimos explorando e aprendendo cada día!



Visita especial á nosa biblioteca: Verónica Bolón!

O pasado 12 de maio, tivemos a sorte de recibir na nosa biblioteca á científica carballesa Verónica Bolón, quen compartiu co alumnado de Primaria a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía.

Durante a charla, Verónica falounos sobre o seu traballo no campo da intelixencia artificial e a computación, explicando como a ciencia pode axudar a resolver problemas reais e mellorar a vida das persoas. O alumnado participou activamente, facendo preguntas e descubrindo curiosidades sobre o mundo da investigación.

Agardamos por vós na próxima publicación, sempre con ganas de seguir aprendendo!

luns, 5 de maio de 2025

Luces, cámara, acción... que vén o Salón!

Do 22 ao 30 de abril, celebrouse en Carballo a XVIII Semana do Libro e a Lectura. Este ano, a temática do Salón do Libro estivo aliñada coa do Salón do Libro de Pontevedra, dedicada ao mundo do cine baixo o lema "Luces, cámara, acción... que vén o Salón!".

Durante toda a semana, a Biblioteca Rego da Balsa acolleu unha exposición de traballos elaborados polo alumnado de diversos centros educativos do concello. O noso centro participou nesta edición cunha proposta moi especial: proxectores caseiros que mostraban ilustracións de flora e fauna da nosa contorna. Tivemos a oportunidade de participar, en horario de mañá, no contacontos baseado na historia de A pita xefa así como subir ao primeiro andar a ver a exposición.




Polas tardes, a biblioteca ofreceu diversidade de contacontos e obradoiros para todas as idades.

Foron días de aprendizaxe, cultura e diversión, onde a lectura e o cine compartiron protagonismo. Xa estamos desexando participar na próxima edición!

Podedes ver as actividades realizadas na biblioteca Rego da Balsa nesta publicación.

xoves, 10 de abril de 2025

Xuntanza literaria: O CPI de Zas visita a escola de Cances

Despois da nosa marabillosa visita ao CPI de Zas hai uns meses, chegou a quenda de acollermos o seu alumnado na escola de Cances. Foi un día cheo de momentos especiais, onde a lectura e as artes escénicas volveron ser o fío condutor da convivencia.

Comezamos cunha sesión de lecturas compartidas, onde o alumnado da ESO do CPI de Zas e os nosos estudantes gozaron de historias que espertaron a imaxinación e fomentaron o amor polos libros. A continuación, o alumnado de Sísamo primaria, ofreceunos unha fantástica representación teatral do conto da Mosca Chosca.


 
Para rematar a xornada, todos xuntos compartimos unha deliciosa merenda e desfrutamos de xogos tradicionais que fortaleceron aínda máis os lazos entre os nosos centros.

O noso desexo é que estas xuntanzas continúen nos próximos cursos, porque cada encontro reforza a importancia de aprender en comunidade e de celebrar a maxia da lectura. Grazas ao alumnado e profesorado do CPI de Zas por esta experiencia tan enriquecedora. Agardamos a vosa próxima reunión!



xoves, 13 de marzo de 2025

Alice Guy: A pioneira do cine que a historia quixo esquecer

O Concello de Carballo invitou ao alumnado de 1º e 2º de primaria a unha actividade especial no Pazo da Cultura para conmemorar o 8M (Día Internacional da Muller), centrada na figura de Alice Guy, pioneira do cine e primeira directora da historia.

Tivemos a oportunidade de descubrir a vida e obra de Alice Guy, unha das primeiras persoas en entender o potencial narrativo do cine. Dirixiu e produciu máis de 1000 películas ao longo da súa carreira. A pesar diso, o seu traballo foi infravalorado e invisibilizado nunha industria dominada por homes, e moitas das súas contribucións foron atribuídas a outros cineastas.

Actividades coma esta axudan a reivindicar o seu traballo así como inspirar ás novas xeracións.



luns, 17 de febreiro de 2025

11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O día 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O fin de darlle visibilidade a este día é o de conseguir unha maior participación das mulleres e as nenas en contextos científicos e así eliminar a brecha de xénero nos ámbitos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas).

O Concello de Carballo puxo en marcha unha exposición titulada "Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo" á que vos podedes achegar ata o día 8 de marzo.

Durante este mes, no CRA Ponte da Pedra achegámos os experimentos científicos ás nosas aulas. Observamos a través do microscopio dixital, probamos a tensión superficial, vimos radiografías e mesmo probamos tintes naturais extraídos de plantas, toda unha aventura!



Ademais disto, tamén tivemos a oportunidade de facer unha visita a un dos museos científicos da cidade da Coruña, nada máis e nada menos que a Casa das Ciencias




Para poder ver outras actividades que se fixeron en distintos centros da nosa comunidade e atopar máis información, podedes consultar o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia.

Agardámosvos na próxima publicación e esperámosvos experimentando.


xoves, 19 de decembro de 2024

Visita de letras ao CPI de Zas

Esta semana, as escolas de Cances, Sísamo e Xoane, tivemos a sorte de visitar o CPI de Zas nunha convivencia lectora do máis divertida. Acolléronnos cunhas lecturas dirixidas polo alumnado de 1º ciclo de primaria e logo puidemos gozar dunha marabillosa obra de teatro escrita e interpretada polo alumnado de secundaria. Organizaron unha merenda deliciosa chea de froita, iogur natural e biscoitos da casa para logo seguir xogando todos xuntos.

Con xuntanzas así quédanos claro que a lectura pode ser un punto de conexión de grande importancia entre o alumnado de distintas idades e centros.

Grazas ás persoas que forman parte do CPI de Zas por facer posible esta visita, agardamos que poidades vir a vernos para o próximo ano!





*Actualización: Podedes ver a publicación do CPI de Zas sobre este día no seu Instagram.



luns, 16 de decembro de 2024

Visita do Apalpador co programa “Espías do bosque”


Estes días tivemos unha visita moi especial nas aulas: o Apalpador chegou acompañado da Asociación Senda Nova, dentro do seu programa Espías do bosque. Grazas a esta iniciativa, a rapazada puido coñecer de primeira man algúns dos mamíferos máis representativos dos bosques galegos, descubrindo curiosidades e características sobre a súa vida e o seu hábitat.

Aproveitamos esta ocasión para, previamente, afondar no traballo de textos informativos, escollendo como protagonista a londra, un dos animais que máis interese espertaba. Con ela investigamos, escribimos e compartimos o aprendido durante a visita.

Como agasallo especial, tamén recibimos un libro para cada aula, vinculado co noso PDI e perfecto para continuar explorando a natureza que nos rodea.



Moitas grazas á Asociación Senda Nova por achegar a cultura do bosque ás nosas aulas e facelo da man dunha figura tan querida pola nosa tradición. Actividades como esta deixan pegada e fan da aprendizaxe unha auténtica aventura!


luns, 23 de outubro de 2023

Visita á Biblioteca Municipal Rego da Balsa

 Sempre é un pracer visitar ás nosas compañeiras da Biblioteca Municipal Rego da Balsa, e moito máis se sabemos que nos vai estar agardando a nosa querida Lilí Gruyère, dos ratos de Lonxedetodo. 

Desta vez, acompañounos xunto co seu amigo o coelliño branco para presentarnos dúas historias moi divertidas: Lucía Cotriñas e a escada e Coelliño Branco. 



Volta pronto, Lilí!