luns, 28 de abril de 2025

ArRÓUPAme na igualdade

 Exposición de traxes tradicionais de Galicia

Os días 22, 23 e 25 de abril, a biblioteca do CRA acolleu unha interesante exposición didáctica de traxes tradicionais de Galicia, que permitiu á comunidade educativa achegarse á riqueza do vestiario galego.

Esta iniciativa formou parte do proxecto "ArRÓUPAme na igualdade", galardoado co Premio Concepción Arenal 2024, e buscou non só dar a coñecer os traxes típicos da nosa terra, senón tamén reflexionar sobre a súa evolución e o papel que xogaron na sociedade.

Durante tres días, os visitantes puideron explorar as distintas pezas expostas, aprendendo sobre os tecidos, os deseños e os usos de cada traxe segundo a época e o contexto social. O horario de visita foi de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00. Foi unha experiencia enriquecedora, na que a tradición e a historia se entrelazaron para achegar á comunidade educativa un pouco máis sobre as nosas raíces.

 


Ademais disto os asistentes tiveron a oportunidade de realizar préstamo de libros, houbo quen reclamaba por levar as mans cheas deles.

Grazas por participar nesta actividade, agardámosvos na seguinte!

xoves, 10 de abril de 2025

Xuntanza literaria: O CPI de Zas visita a escola de Cances

Despois da nosa marabillosa visita ao CPI de Zas hai uns meses, chegou a quenda de acollermos o seu alumnado na escola de Cances. Foi un día cheo de momentos especiais, onde a lectura e as artes escénicas volveron ser o fío condutor da convivencia.

Comezamos cunha sesión de lecturas compartidas, onde o alumnado da ESO do CPI de Zas e os nosos estudantes gozaron de historias que espertaron a imaxinación e fomentaron o amor polos libros. A continuación, o alumnado de Sísamo primaria, ofreceunos unha fantástica representación teatral do conto da Mosca Chosca.


 
Para rematar a xornada, todos xuntos compartimos unha deliciosa merenda e desfrutamos de xogos tradicionais que fortaleceron aínda máis os lazos entre os nosos centros.

O noso desexo é que estas xuntanzas continúen nos próximos cursos, porque cada encontro reforza a importancia de aprender en comunidade e de celebrar a maxia da lectura. Grazas ao alumnado e profesorado do CPI de Zas por esta experiencia tan enriquecedora. Agardamos a vosa próxima reunión!