martes, 30 de xuño de 2026

Neste verán mergúllate nun mar de lecturas...

Desde a biblioteca do CRA queremos convidarvos este verán a mergullarvos no mar das lecturas. Ler é unha maneira marabillosa de viaxar sen saír do sitio, de coñecer outros mundos, persoas e culturas, e tamén de vivir aventuras, emocións e aprendizaxes que nos acompañan para sempre.

Durante as vacacións, cando temos máis tempo para nós, a lectura convértese nunha gran compañeira: axúdanos a relaxarnos, a imaxinar e a mirar a realidade con novos ollos. Por iso, preparamos unha pequena selección de libros pensada para todos os gustos e idades, coa que podedes ir abrindo boca e descubrir novas historias.

Agardamos que estas propostas vos animen a ler, que atopedes libros que vos fagan soñar, rir ou reflexionar e que gocedes dun verán cheo de boas lecturas e momentos especiais. 

Boas vacacións!


luns, 29 de xuño de 2026

Derrubando muros, construíndo lembranzas

E chegou o último día de clase, deses que mesturan a alegría da celebración coa emoción de mirar cara atrás e decatarse de todo o vivido ao longo do curso.

Quixemos despedir este curso tan especial celebrando xuntos coa romaría de fin de curso, unha xornada chea de arte e música, arredor do noso PDI Derrubando muros.

Ao longo da mañá, o alumnado converteuse en artista, músico, bailarín, construtor e creador. Tivemos a enorme sorte de contar con Rakele Cavallo, coa que elaboramos un mural colectivo que quedará para sempre, na escola de Rega, como símbolo de todo o que fomos construíndo durante este camiño. Houbo ritmo con beatbox e baile urbano; imaxinación nas construcións co sistema Lupo; e moita cor e creatividade nos murais efémeros realizados con tizas.

Tamén tivemos o privilexio de escoitar a Vero Rilo coas súas historias, que sempre son un acerto.

E, como non podía ser doutro xeito, quixemos compartir esta despedida coas familias, que son unha parte fundamental da nosa comunidade educativa. Grazas por acompañarnos, por visitar a exposición do noso PDI, por compartir conversas, despedidas e un delicioso chocolate con churros que soubo a celebración.

Hoxe pechamos un curso, pero levamos connosco moito: experiencias compartidas, aprendizaxes, emocións, amizades e a certeza de que a arte ten o poder de unir, de abrir camiños e, sobre todo, de derrubar muros.

Grazas, de corazón, a todas as familias por camiñar ao noso lado un curso máis. Grazas ao alumnado por enchernos cada día de aprendizaxe. E, tamén grazas ao profesorado, por traballar en equipo para seguir facendo escola.

Despedímonos ata setembro co corazón cheo.

Viva a arte urbana!


Para poder ver máis fotografías de todo o proceso, visitade a páxina web do PDI.

luns, 1 de xuño de 2026

A Pequefeira: emprendemento, creatividade e arte urbana

O pasado 29 de maio, o alumnado de Educación Primaria participou nunha nova edición da Pequefeira, unha iniciativa que promove o emprendemento, a sustentabilidade e a participación activa da comunidade educativa.

Durante a xornada, os nenos e nenas desprazáronse ao Mercado Municipal de Carballo para poñer á venda diferentes produtos elaborados por eles mesmos ao longo do curso. Entre os artigos ofrecidos atopábanse diversas manualidades e artesanías, así como produtos da horta escolar, cultivados e coidados polo propio alumnado. A experiencia permitiulles coñecer de primeira man o funcionamento dun mercado, desenvolver habilidades comunicativas e valorar o esforzo que hai detrás de cada produto.

Aproveitando que estes días se está a celebrar o Rexenera Fest, a actividade continuou cun roteiro polos murais de Carballo. Un percorrido no que o alumnado puido descubrir algunhas das obras de arte urbana que embelecen as rúas da vila e que converten os seus espazos públicos nun auténtico museo ao aire libre. Durante o traxecto, tiveron tamén a oportunidade de atoparse con algunhas das artistas que estaban a pintar nese momento, observando o proceso creativo en directo e mesmo falando con elas sobre as súas obras e técnicas.

Esta visita serviu tamén para achegarse ao espírito deste festival de arte urbana, no que ano tras ano, transforma Carballo a través de intervencións artísticas de gran calidade. Grazas a este evento, artistas de diferentes lugares deixan a súa pegada nos muros da localidade, creando obras que invitan á reflexión, fomentan a creatividade e contribúen á revitalización dos espazos urbanos. O contacto directo coas creadoras permitiunos comprender mellor o valor deste festival e o traballo que hai detrás de cada mural.

A Pequefeira e o roteiro dos murais convertéronse así nunha experiencia moi enriquecedora, na que o alumnado puido combinar aprendizaxes relacionadas co emprendemento, a sustentabilidade, a arte e o coñecemento da contorna, desfrutando dunha xornada diferente e chea de descubrimentos. Un día no que, ademais de poñer en práctica moitos coñecementos, puideron vivir a arte en primeira persoa.

Ademais, deixámosvos a continuación a ligazón á entrevista realizada por Cadena SER, na que se dá a coñecer o traballo desenvolvido polo noso centro arredor dos murais de Carballo.

https://cadenaser.com/audio/cadenaser_ferrol_avivirlasrias_20260606_130516_140000/?ssm=whatsapp

mércores, 20 de maio de 2026

Descubrindo a arte urbana de Carballo

O pasado luns, 18 de maio, realizamos unha saída moi especial para coñecer de preto os murais de arte urbana de Carballo, obras que enchen de cor, creatividade e vida as fachadas da vila.

Esta visita estivo integrada dentro do noso PDI deste curso, “Derrubando muros”, unha proposta coa que estamos a reflexionar sobre a arte, a expresión e a capacidade de transformar os espazos e as persoas a través da creatividade.

Ao longo do percorrido, o alumnado puido observar diferentes murais, descubrir os seus detalles e reflexionar sobre como a arte pode transformar os espazos públicos e converter as rúas nun auténtico museo ao aire libre.

A arte urbana ten unha grande importancia en Carballo, que cada ano acolle o festival Rexenera Fest, un referente da arte urbana en Galicia que reúne artistas de diferentes lugares para encher a vila de creación e expresión artística.

Acompañounos Maite, persoal do Concello de Carballo, para guiarnos na ruta e, durante a visita, tivemos tamén a oportunidade de contar coa presenza da artista local Rakele Cavallo, que nos acompañou diante do mural da balea, realizado por ela mesma. Compartiu con nós diversas curiosidades sobre o proceso de creación, os significados da obra e o traballo que hai detrás dun mural destas dimensións, permitindo que o alumnado se achegase á arte dunha forma máis próxima e vivencial.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos a mirar a arte doutro xeito, valorando a creatividade, o esforzo e a capacidade das artistas para transmitir ideas e emocións a través das súas obras.

Sen dúbida, unha saída chea de aprendizaxes, inspiración e moita arte.

                                   

martes, 19 de maio de 2026

Visita á biblio polo Día Internacional dos Museos

Coincidindo co Día Internacional dos Museos, celebramos unha actividade que uniu literatura, arte e descubrimento. Comezamos co contacontos do libro Casa Museo, unha historia que nos anima a fixarnos nos espazos que habitamos e no que poden contar sobre nós. A historia axudounos a pensar en como as casas e os obxectos gardan recordos e experiencias e tamén, como non, a lembrar que non debemos pintar nas paredes das nosas casas sen consultalo primeiro coa nosa familia 😂.

Aproveitando a historia do libro, tamén falamos dos museos como lugares vivos cheos de aprendizaxe. E que mellor maneira de entendelo que visitando un museo moi especial: o museo ao aire libre de Carballo, onde a arte muralista transforma as paredes en cadros xigantes.

 

Logo do contacontos, o alumnado puido coñecer mellor o funcionamento da biblioteca, os diferentes espazos cos que conta, a organización dos libros e os recursos que podemos utilizar tanto para aprender como para desfrutar da lectura. Tamén repasamos como atopar os libros segundo a súa CDU (Clasificación Decimal Universal). Lembramos que cada cor e cada número nos axudan a localizar o tipo de libro que buscamos: contos, natureza, arte, ciencia, historia…

Ademais, dedicamos un tempo a lembrar as normas básicas de convivencia e uso da biblioteca: falar nun ton adecuado, respectar os tempos e os espazos compartidos, coidar os libros e materiais, manter a orde e colaborar entre todos para conservar este lugar tan especial.

A través de xogos, explicacións e pequenas dinámicas, fomos descubrindo que a biblioteca é moito máis ca un lugar con libros: é un espazo para investigar, crear, compartir, imaxinar e aprender xuntas.

Pouco a pouco seguimos converténdonos en usuarios e usuarias máis autónomos, responsables e curiosos, facendo da biblioteca un lugar vivo e cheo de oportunidades.

12ª Edición do Rexenera Fest

O Rexenera Fest xa está de volta! Do 28 de maio ao 7 de xuño, Carballo volverá encherse de cor coa chegada de cinco muralistas que contribuirán a seguir ampliando este museo ao aire libre que medra ano tras ano e que xa forma parte da identidade da nosa vila.

Se queredes coñecer quen participa este ano, os espazos de intervención e toda a programación, podedes consultar toda a información na páxina oficial Rexenera Fest - Web Oficial

luns, 18 de maio de 2026

As nosas Letras: creando, imprimindo e descubrindo a Begoña Caamaño

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2026, no cole desenvolvemos diferentes actividades para achegarnos á figura de Begoña Caamaño e para seguir descubrindo a riqueza da lingua e da cultura galega.

Seguindo o fío condutor do noso PDI con temática de arte e da Biblioteca Creativa, integrada no programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, realizamos unha proposta centrada no deseño gráfico, na imprenta e na comunicación escrita. A actividade invitounos a descubrir todo o que hai detrás das palabras impresas: as tipografías, os selos, a composición, os carteis, as cubertas dos libros e os diferentes procesos de creación e edición, ámbitos moi relacionados coa traxectoria de Begoña Caamaño como xornalista e escritora.

A través desta experiencia, o alumnado puido achegarse ao mundo da estampación e experimentar con distintas técnicas e materiais para crear composicións propias. Como resultado do traballo realizado, elaboramos unhas libretas moi especiais nas que estampamos diferentes palabras galegas, combinando creatividade, arte e lingua.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos, creamos e celebramos xuntos a nosa lingua, demostrando que o galego segue moi vivo nas aulas, nas bibliotecas e nas mans das novas xeracións.

Ademais desta proposta creativa, nas distintas aulas tamén se realizaron outras actividades relacionadas coa vida e coa obra de Begoña Caamaño: lecturas, investigacións, conversas e dinámicas para coñecer mellor a súa figura e o seu compromiso coa cultura galega. Algúns exemplos:


         

Para poñer o broche final a esta celebración, o venres fixemos convivencia de todas as escoliñas do CRA, compartindo unha xornada chea de música, alegría e compañeirismo. Ademais, tivemos a sorte de contar co espectáculo "Brinca vai" de Paco Nogueirasque conseguiu facer cantar, bailar e participar a todo o alumnado coas súas cancións e a súa enerxía.

Sen dúbida, foi un final perfecto para unhas Letras Galegas vividas con ilusión, creatividade e moitas ganas de seguir celebrando o noso.

venres, 15 de maio de 2026

Letras Galegas 2026

A QUEN HOMENAXEAMOS NESTAS LETRAS GALEGAS?

BEGOÑA CAAMAÑO RASCADO

Begoña Caamaño naceu en Vigo no ano 1964 e faleceu en Santiago de Compostela en 2014. Foi xornalista, escritora e activista cultural. Traballou durante moitos anos na radio e nos medios públicos galegos, destacando polo seu compromiso coa lingua galega e coa igualdade.

Como escritora, destacou especialmente polas súas novelas:

  • Circe ou o pracer do azul
  • Morgana en Esmelle
POR QUE LLE ADICAMOS O DÍA DAS LETRAS?

A súa obra e a súa traxectoria representan valores moi importantes para a sociedade galega: a defensa da lingua, o compromiso coa cultura, a igualdade entre homes e mulleres e a creación literaria innovadora e de calidade.

Con esta homenaxe, recoñécese tamén o papel das mulleres na literatura galega e a importancia de seguir promovendo a nosa lingua entre as novas xeracións.

VIVA A NOSA LINGUA!

O Día das Letras Galegas recórdanos cada ano a importancia de coidar, falar e transmitir o galego, a nosa historia, a nosa maneira de entender o mundo e a nosa identidade como pobo. 

Celebrar este día é tamén celebrar a cultura, a creatividade e todas as persoas que traballan para que o galego siga sendo unha lingua viva, moderna e chea de futuro.

UN DÍA PARA HONRALA, 365 DÍAS PARA FALALA

xoves, 23 de abril de 2026

A música e a arte urbana dos murais

Do 16 ao 24 de abril, celebramos en Carballo unha nova edición do Salón do Libro, unha cita imprescindible arredor da lectura, a creatividade e a expresión artística. Este ano, a temática xirou arredor da música, converténdose no fío condutor das diferentes propostas achegadas polos centros.

Este curso, a nosa participación estivo vinculada ao PDI deste curso sobre os murais de Carballo. Cada aula escolleu un mural e, a partir del, realizamos unha chuvia de ideas na que fomos recollendo palabras que nos transmitía ou elementos que podiamos observar nel.

Con todas esas palabras, empregamos a intelixencia artificial para crear un prompt co que xerar cancións de estilo urbano. A continuación, a través de Suno, escoitamos diferentes propostas musicais e seleccionamos aquelas que mellor nos representaban cada mural.

O produto final, exposto na Biblioteca Rego da Balsa, combina imaxe e son: fotografías dos murais acompañadas dun código QR que permite escoitar a música creada polo alumnado. Foi unha experiencia na que mesturamos observación, linguaxe, creatividade e tecnoloxía, transformando a arte visual en expresión musical.

Para poder escoitar as cancións, podedes escanear os códigos de cada imaxe.

  




mércores, 22 de abril de 2026

Contacontos e visita ao Salón do libro 2026

Durante a nosa visita ao Salón do Libro, tivemos a oportunidade de gozar dunha actividade moi especial na Biblioteca Rego da Balsa.

Asistimos ao contacontos "Cacho animalada", dinamizado por Vero Rilo e Luís Iglesias, no que nos mergullamos nun mundo cheo de humor un chisco salvaxe para logo rematar escoitando a historia de A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, que provocou risas e moita participación por parte do alumnado. Hai contos que sempre son un acerto e este sabemos que é un deles.

Ademais da actividade, tamén tivemos ocasión de visitar a exposición instalada na biblioteca, onde puidemos ver os traballos realizados polos distintos centros educativos do noso Concello.

Sempre é un pracer visitar as bibliotecas de Carballo, grazas por convidarnos.

luns, 30 de marzo de 2026

Concerto De Ninghures


O pasado 27 de marzo, o alumnado do centro tivo a oportunidade de asistir, acompañado das súas familias, á actuación do grupo musical De Ninghures. 

Foi unha xornada moi especial, na que a música se converteu nun punto de encontro para toda a comunidade educativa. Nela puidemos desfrutar dunha proposta musical que combinou a tradición galega con influencias doutras músicas do mundo, creando un espectáculo dinámico e cheo de ritmo. 

Sen dúbida, a experiencia resultou moi enriquecedora tanto para os nenos e nenas coma para os adultos, xa que participaron con entusiasmo: cantando, bailando e descubrindo novas formas de achegarse á nosa cultura musical.






venres, 20 de marzo de 2026

Recomendacións de primavera

Coa chegada da primavera, os días medran, a luz volve encher as fiestras e aparecen novos momentos para parar, respirar… e ler. Dende a biblio do noso CRA queremos celebrar esta estación convidándovos a descubrir historias que acompañen estes días de cambio, curiosidade e renovación. Nesta selección atoparedes recomendacións lectoras para diferentes idades e gustos: libros que fan pensar, outros que fan sorrir e moitos que abren portas a mundos novos. Agardamos que cada páxina sexa unha pequena viaxe e que nesta primavera tamén floreza o pracer pola lectura.

mércores, 11 de febreiro de 2026

11 de Febreiro. Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia ofrécenos a oportunidade para lembrar algo moi importante: a ciencia é cousa de todas e todos. Ao longo da historia, moitas mulleres tiveron que superar grandes obstáculos para poder investigar e ser recoñecidas, polo que é fundamental visibilizar o seu papel e seguir avanzando cara á igualdade.

Desde a biblio queremos animar a todo o alumnado, e tamén ás familias, a mirar o mundo con curiosidade, facer preguntas e, sobre todo… experimentar! Porque a ciencia non só está nos laboratorios: está na cociña, no parque e en cada “por que?”.

Durante os próximos días, o alumnado levará un maletín á casa: cun libro de ciencia, un caderno de experimentos e unha folla en branco para escribir o seu propio experimento. Ademais, tamén vos deixamos nesta entrada o caderno de experimentos e o diploma por se queredes ter unha copia.

Animádevos a probar, descubrir e gozar en familia. A ciencia pode ser o mellor xogo!

luns, 12 de xaneiro de 2026

Recomendacións de inverno

 Xa chegou o inverno! É un tempo frío, de chuvias e ventos. Nesta época do ano os días son mais curtos e adoitamos pasar mais tempo na casiña, ben quentiños. 

Aproveitade para coller un bo libro e gozar coa súa lectura, de xeito individual, en familia ou con amigos e amigas. Desde a biblioteca deixámosvos unha seleccíon de lecturas para esta estación do ano. Agardamos que vos gusten e que pasedes un bo rato de aprendizaxes e novos descubrimentos.