xoves, 26 de xuño de 2025

Como escoller boas lecturas para a infancia: guía para familias

Para acompañar o noso compromiso coa lectura, compartímosvos unhas pequenas orientacións sobre como escoller libros de calidade para a infancia.

Nesta guía atoparedes fontes útiles e de confianza para descubrir lecturas de calidade para a infancia: desde catálogos de editoriais e recomendacións de organismos de referencia, até propostas de persoas expertas nas redes.

Agardamos que vos resulte útil e que contribúa a seguir construíndo un camiño lector cheo de experiencias e aprendizaxes!

Agora si, gozade do verán e esperámosvos en setembro.

luns, 23 de xuño de 2025

Peche do PDI: un curso explorando a flora e a fauna de Carballo

Hoxe pechamos un proxecto que nos acompañou ao longo de todo o curso: o noso PDI, no que nos mergullamos nunha aprendizaxe chea de aventuras sobre a fauna e a flora de Carballo. Foi un camiño fascinante no que descubrimos a riqueza natural da nosa contorna, investigamos, creamos e compartimos experiencias inesquecibles.

Para celebrar este peche, invitamos ás familias a compartir connosco un ratiño do último día de cole, onde cada aula presentou os produtos finais elaborados durante o proxecto. Os resultados foron tan diversos como enriquecedores: desde exposicións ata xogos de mesa. A ilusión das persoas asistentes reflectía o esforzo e a dedicación de todo o alumnado e profesorado ao longo do curso.

Este peche de proxecto non é un punto final, senón un paso máis na nosa aprendizaxe sobre o mundo natural. Queremos agradecer especialmente ás familias que colaboraron en pequenos proxectos de aula, á asociación Senda Nova e Vía inqueda polo seu apoio e ás librerías de Carballo que nos axudaron a enriquecer a nosa biblioteca. Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta experiencia e contribuíron a que cada descubrimento fose único e especial. Seguiremos explorando e aprendendo!

xoves, 19 de xuño de 2025

Recomendacións lectoras de verán

Aquí tendes as nosas recomendacións para este verán que se achega! Libros fascinantes para acompañar as xornadas de sol na praia ou as de choiva na casiña. Gozade da lectura, compartide connosco as vosas impresións e, sobre todo, desfrutade duns días de descanso e felicidade. Boas vacacións!


luns, 16 de xuño de 2025

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

Un ano máis, con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, o 14 de xuño, as escolas implicámonos nunha xornada de sensibilización arredor da diversidade comunicativa e cultural. Este ano fixémolo baixo o lema “As linguas de signos fannos máis fortes”, que nos convida a recoñecer o valor das linguas de signos como parte esencial da nosa sociedade.

Co apoio da documentación facilitada por Gema, a nosa intérprete de Lingua de Signos, cada grupo afondou na figura dunha persoa relevante para a comunidade xorda, coñecendo a súa traxectoria e o seu impacto na defensa dos dereitos lingüísticos e culturais. Esta aproximación permitiunos achegarnos a outras realidades desde unha perspectiva de respecto e recoñecemento, poñendo o foco na riqueza da diversidade.

Como parte da actividade, cada escola realizou un paseo pola contorna para repartir carteis informativos nos buzóns da veciñanza, dando a coñecer esta lingua e a súa importancia.

  


Foi unha xornada para aprender, compartir e seguir construíndo unha escola máis inclusiva 🤟

luns, 9 de xuño de 2025

Descubrindo a contorna da man de Senda Nova

Durante estes días, o alumnado do CRA participou nunha actividade moi especial organizada en colaboración con Senda Nova e Vía Inqueda. Cada escola realizou unha saída pola súa contorna acompañada por Jose, guía e grande coñecedor do territorio, que nos foi revelando algúns dos pequenos tesouros naturais que temos ao noso redor.

Fixemos sendeirismo, escoitamos, observamos e aprendemos a mirar con outros ollos aquilo que moitas veces pasa desapercibido: unha planta autóctona, un camiño oculto ou os sinais da fauna que nos rodea.





Nalgúns casos, as condicións meteorolóxicas impediron facer a saída tal como tiñamos previsto, pero iso non nos detivo. Aproveitamos a ocasión para investigar sobre as pegadas de animais, coñecer as súas formas, características e como interpretalas, convertendo a aula nun laboratorio de aprendizaxe.


A experiencia serviunos para seguir cultivando a curiosidade, o respecto polo medio e o vínculo co lugar onde vivimos. Grazas unha vez máis a Senda Nova e a Jose por guiarnos con tanta paixón!