luns, 27 de outubro de 2025

Lecturas para acompañar o camiño educativo das familias

Na nosa biblioteca non só hai contos, aventuras e historias cheas de fantasía para as nenas e nenos. Tamén atoparedes un espazo de lectura e reflexión para as familias, con libros de pedagoxía, educación e psicoloxía, pensados para acompañar o camiño da crianza, ofrecer recursos útiles e axudar a comprender mellor cada etapa do desenvolvemento infantil.

Os luns, as familias podedes levar estes libros en préstamo durante un mes, para ler con calma, gozar da lectura e poñer en práctica aquelas ideas que vos resulten máis útiles e inspiradoras.

Queremos que a biblioteca sexa un lugar de encontro, crecemento e aprendizaxe compartida entre toda a comunidade educativa. Achegádevos e descubride todas as novidades que vos están agardando.

Preme erriba da imaxe para acceder á listaxe de libros.

venres, 24 de outubro de 2025

A biblio do CRA ábrese á comunidade educativa!

Abrimos as portas da biblioteca do CRA Ponte da Pedra a todas as persoas que formamos parte desta gran comunidade: nenas e nenos, familias e profesorado.

Un espazo cheo de maxia, curiosidade e aprendizaxe, onde cada libro agocha novas aventuras por descubrir, novos mundos por explorar e mil historias que agardan por ti.

Vémonos todos os luns, de 18:00 a 19:00, para compartir xuntos momentos especiais entre miles de páxinas, conversas, sorrisos e descubrimentos.

No cartel que segue atoparedes as normas da biblioteca. Lembrade respectalas sempre que a visitemos, para manter un espazo acolledor, agradable e aberto a todas e todos.

Visitamos a biblioteca do CRA

Con motivo da conmemoración do día das bibliotecas (o 24 de outubro), ao longo desta semana, todo o alumnado de todas as escolas fixemos unha visita á nosa biblioteca, ubicada na sede do CRA. Cada grupo-aula pasou alí unha xornada completa, realizando actividades variadas, relacionadas co funcionamento da biblioteca e co PDI:

Coñecemos a biblioteca e a súa organización, así como as normas de convivencia da mesma.

  • Elaboramos o noso punto-libro, que logo empregaremos nas visitas que fagamos á biblioteca polas tardes coas nosas familias e que nos permitará saber onde colocar os libros que imos mirando.
  • Contamos contos e miramos e lemos libros.
  • Xogamos cos materiais do recuncho argalleiro.
  • Aproveitamos para visitar o mural que nos dou "entrada" á biblioteca, pintado na parede do edificio da sede, así como outros murais de Carballo.
  • Convertémonos en grandes artistas, facendo unha representación do mural da sede.

Feliz día das bibliotecas a todas e todos!

 


  

venres, 17 de outubro de 2025

Poñemos en marcha o PDI deste curso

Durante estas últimas semanas comezamos a traballar sobre o PDI deste curso, en colaboración coas familas. 

Todo comezou coa recepción dunha carta que contiña as pezas dun crebacabezas... que resultou ser un mural ubicado no noso concello. A  esta carta seguírona outras dúas: unha na que nos animaban a investigar sobre ese mural, coa axuda das familias (e cubrir unha ficha técnica); e unha última carta na que nos convidan a visitar a biblioteca do noso CRA durante unha xornada enteira! E iso será o que faremos a vindeira semana, pois o día 24 é o día das bibliotecas.


    

venres, 3 de outubro de 2025

Libros que van e veñen

Hoxe comezamos co préstamo de libros das bibliotecas de aula: libros que van e veñen, nas bolsas que cada alumna e alumno teñen na súa aula para tal fin.

Este primeiro día, incluímos tamén un díptico para as familias, para axudarvos a sacarlle o máximo proveito á actividade e tamén algunhas indicacións do funcionamento (días de ida e volta, normas, recomendacións...).

Boa lectura a todos e todas!

 

xoves, 2 de outubro de 2025

Estamos no PLAMBE! Un novo capítulo para a nosa biblioteca escolar

Temos unha nova que nos enche de ilusión: o noso centro foi seleccionado como centro de nova incorporación ao PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares)! Este recoñecemento supón un impulso moi importante para a nosa biblioteca, que se enriquece con novos recursos, formación e propostas para seguir medrando como espazo de aprendizaxe, creatividade e encontro.

Grazas ao PLAMBE, poderemos ofrecer máis actividades, mellorar os fondos bibliográficos e fomentar aínda máis o gusto pola lectura entre todo o alumnado. Estamos desexando compartir con vós esta nova etapa chea de proxectos e sorpresas.

📖 Seguide atentos ao blog, porque isto só acaba de comezar!

mércores, 1 de outubro de 2025

Novidades outubro

Xa están aquí as novidades lectoras de outubro. Historias fresquiñas con contos que enganchan e libros de investigación que agardan a ser descubertos. Estade atentas e atentos, porque este mes a biblio encherase de propostas que vos van sorprender.

A aventura continúa con novas páxinas por explorar!

Mochilas viaxeiras 25/26

Esta semana botarán a andar de novo as Mochilas Viaxeiras. Para algunhas e algúns xa son coñecidas, pois comezaron a visitar os fogares o curso pasado.

Recordamos: en cada aula teremos unha Mochila Viaxeira que irá levando á casa todo o alumnado. Tan só tedes que esperar a vosa quenda! 

Cada unha leva: 4 libros e un xogo; instruccións; un caderno viaxeiro no que nos poderedes contar a vosa opinión sobre a actividade, (podedes incluír debuxos e fotografías da vosa experiencia coa mochila...), sobre o contido, facernos suxestións... Tamén se inclúe unha folla de recomendacións lectoras para as familias, para que poidades pedir prestado á biblioteca aquel libro que máis vos interese (asi mesmo, podedes consultar outros que temos dispoñibles, no catálogo Koha).

O obxectivo principal é fomentar e animar a lectura e o xogo en familia así como que vaiades descubrindo algúns materiais novos.

Boa viaxe a todas as mochilas!