O pasado luns 12 de maio, o alumnado de Educación Primaria gozou dunha mañá moi especial na biblioteca central do CRA.
Tivemos un contacontos do libro O Rabaño de Margarita del Mazo, historia que nos achegou ao mundo das ovellas que saltan valados para axudar a durmir ata que unha delas está farta desta rutina.
Logo de meternos na historia, iniciamos a formación de usuarios, onde aprendemos a movernos pola biblioteca e descubrir os seus recursos. Durante a sesión:
- Aprendemos a manipular as páxinas dos libros correctamente para conservar os materiais no mellor estado posible.
- Xogamos co titorial de formación de usuarios.
- Exploramos a CDU (Clasificación Decimal Universal), para entender a organización dos estantes dos libros.
- Desciframos as etiquetas dos tejuelos, identificando a información clave de cada exemplar.
Para reforzar todo o aprendido, participamos en dous xogos moi divertidos nos que asociamos portadas de libros cos seus tejuelos correspondentes e outro no que tivemos que localizar un libro concreto no estante, a partir do seu tejuelo.
Ao longo da xornada tamén utilizamos o material do Recuncho Argalleiro, experimentando e explorando novas formas de aprendizaxe dentro da biblioteca.
Por último, aínda nos deu tempo a facer préstamo de libros, levando con nós lecturas para seguir gozando da lectura. Se queres saber todos os libros cos que contamos para ver cales son os que che gustaría consultar, accede aquí ao noso catálogo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario