xoves, 19 de decembro de 2024

Visita de letras ao CPI de Zas

Esta semana, as escolas de Cances, Sísamo e Xoane, tivemos a sorte de visitar o CPI de Zas nunha convivencia lectora do máis divertida. Acolléronnos cunhas lecturas dirixidas polo alumnado de 1º ciclo de primaria e logo puidemos gozar dunha marabillosa obra de teatro escrita e interpretada polo alumnado de secundaria. Organizaron unha merenda deliciosa chea de froita, iogur natural e biscoitos da casa para logo seguir xogando todos xuntos.

Con xuntanzas así quédanos claro que a lectura pode ser un punto de conexión de grande importancia entre o alumnado de distintas idades e centros.

Grazas ás persoas que forman parte do CPI de Zas por facer posible esta visita, agardamos que poidades vir a vernos para o próximo ano!





*Actualización: Podedes ver a publicación do CPI de Zas sobre este día no seu Instagram.



luns, 16 de decembro de 2024

Visita do Apalpador co programa “Espías do bosque”


Estes días tivemos unha visita moi especial nas aulas: o Apalpador chegou acompañado da Asociación Senda Nova, dentro do seu programa Espías do bosque. Grazas a esta iniciativa, a rapazada puido coñecer de primeira man algúns dos mamíferos máis representativos dos bosques galegos, descubrindo curiosidades e características sobre a súa vida e o seu hábitat.

Aproveitamos esta ocasión para, previamente, afondar no traballo de textos informativos, escollendo como protagonista a londra, un dos animais que máis interese espertaba. Con ela investigamos, escribimos e compartimos o aprendido durante a visita.

Como agasallo especial, tamén recibimos un libro para cada aula, vinculado co noso PDI e perfecto para continuar explorando a natureza que nos rodea.



Moitas grazas á Asociación Senda Nova por achegar a cultura do bosque ás nosas aulas e facelo da man dunha figura tan querida pola nosa tradición. Actividades como esta deixan pegada e fan da aprendizaxe unha auténtica aventura!


xoves, 12 de decembro de 2024

Recomendacións lectoras de Nadal

 Deixámosvos a continuación unhas recomendacións de lectura para este mes de Nadal. Agardamos que vos gusten e invitámosvos a compartir con nós que vos parecen. Boas festas!


mércores, 11 de decembro de 2024

Un día de convivencia e inclusión no Mercado Municipal

O pasado 3 de decembro, conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha xornada de convivencia entre todas as escolas. Foi unha oportunidade única para reforzar valores de inclusión, empatía e traballo en equipo, colaborando da man da asociación "Un paso máis", que nos brindou unha serie de actividades deportivas accesibles para todos.


 
 

O Mercado Municipal converteuse nun espazo de encontro onde alumnado e profesorado participaron activamente en propostas adaptadas, desde xogos de habilidade ata disciplinas que puxeron a proba a cooperación e a superación persoal.

Esta xornada supuxo un espazo de encontro enriquecedor, no que cada actividade ampliou a perspectiva sobre a diversidade e reforzou os vínculos de compañeirismo, destancando o valor do deporte como ferramenta de integración.

Esperamos que iniciativas como esta sigan formando parte do noso día a día, creando espazos máis accesibles e enriquecedores para todos. Porque cada paso conta para construír unha sociedade máis equitativa!