xoves, 20 de marzo de 2025

Recomendacións lectoras de primavera

Aquí tendes as nosas recomendacións para esta luminosa estación primaveral. Libros marabillosos para acompañar os días de sol e as tardes de choiva. Gozade con eles e compartide connosco as vosas impresións!


xoves, 13 de marzo de 2025

Mochilas viaxeiras

Comezan a circular polas aulas as nosas mochilas viaxeiras. Chegará a todas as casas antes de que remate o curso, polo que agardade a vosa quenda para poder gozar delas. Cada unha leva: tres libros; un xogo de mesa; instrucións para o alumnado; e un caderno viaxeiro no que poderedes deixar comentarios, debuxos, fotografías e impresións sobre o seu contido e unha folla de recomendacións dirixidas ás familias para que poidades pedir prestados da biblio algún libro que vos interese.

Agardamos aproveitedes ao máximo esta iniciativa e que teñamos que mercar moitos máis libros, tanto para os nenos e nenas como para nós para poder seguir nutrindo estas mochilas.

Un saúdo e lede moito!

Exemplo de mochila viaxeira

Alice Guy: A pioneira do cine que a historia quixo esquecer

O Concello de Carballo invitou ao alumnado de 1º e 2º de primaria a unha actividade especial no Pazo da Cultura para conmemorar o 8M (Día Internacional da Muller), centrada na figura de Alice Guy, pioneira do cine e primeira directora da historia.

Tivemos a oportunidade de descubrir a vida e obra de Alice Guy, unha das primeiras persoas en entender o potencial narrativo do cine. Dirixiu e produciu máis de 1000 películas ao longo da súa carreira. A pesar diso, o seu traballo foi infravalorado e invisibilizado nunha industria dominada por homes, e moitas das súas contribucións foron atribuídas a outros cineastas.

Actividades coma esta axudan a reivindicar o seu traballo así como inspirar ás novas xeracións.



xoves, 6 de marzo de 2025

Antroidamos cos madamitos

Este ano, por terceiro ano consecutivo, desde o CRA reafirmamos o noso compromiso coa recuperación e posta en valor do Entroido tradicional, unha das festas máis arraigadas na nosa cultura. Para iso, contamos coa colaboración da Asociación Escola do Alprende de Oza, que leva anos traballando na comarca de Bergantiños pola recuperación desta celebración popular.

Esta asociación, con sede en Carballo, dedícase á ensinanza do baile e da música tradicional, así como á xestión cultural vinculada á nosa tradición. Nesta edición, lucíronse pezas recuperadas especificamente da parroquia de Cances, co protagonismo dos madamitos, figuras propias do Entroido local recuperadas grazas ao seu labor de investigación.

Foi unha celebración chea de diversión, identidade e música. Un paso máis na nosa aposta por manter vivas as tradicións e facer que formen parte da vida de toda a comunidade educativa.


Herbario de Rosalía: arte, natureza e poesía

Arte, natureza e poesía: flora e fauna de Carballo da man de Rosalía

Continuamos a encher os espazos de vida, cor e aprendizaxe. Grazas ao equipo de dinamización da lingua galega, inspirámonos no libro O herbario de Rosalía, unha obra que recolle a pegada da natureza na poesía de Rosalía de Castro, quixemos render homenaxe ás especies humildes que nos rodean, dándolles vida a través da arte.

Cada pincelada foi unha oportunidade para coñecer mellor as plantas do noso territorio, para traballar en equipo e para deixar pegada da nosa mirada sobre o mundo natural. O resultado nutre agora a nosa biblioteca, poñéndolle cor, xa que a arte tamén é unha forma de investigar, de expresarse e de coidar o que temos preto.

Grazas a todo o alumnado e profesorado por facer posible esta marabilla!

 


Achégate á biblio para ver o noso particular herbario!