luns, 19 de maio de 2025

Letras Galegas 25. As cantareiras e a poesía popular

O 17 de maio celebramos unha das datas máis queridas do calendario escolar: o Día das Letras Galegas, unha ocasión para reivindicar a nosa lingua e o noso patrimonio cultural. Este ano, a Real Academia Galega dedicou a efeméride ás cantareiras e a poesía popular oral, recoñecendo o valioso legado destas mulleres na transmisión da tradición galega.

No CRA Ponte da Pedra quixemos sumar a nosa voz a esta homenaxe cunha actividade moi especial. Visitamos o Centro Cívico de Verdillo, onde vivimos unha mañá chea de música, alegría e emoción. Dúas integrantes do grupo Do Rivés e varias pandeireteiras da Asociación Arume compartiron connosco a historia das homenaxeadas e agasalláronnos cunha mostra de cantigas tradicionais que fixeron vibrar a todos os presentes.

Foi unha experiencia que nos conectou co noso pasado e nos animou a seguir coidando aquilo que nos fai únicas e únicos: a nosa lingua, a nosa música e a nosa cultura.

 

 

Agardamos por vós na próxima publicación, coa ilusión de seguir celebrando a nosa lingua e cultura!

xoves, 15 de maio de 2025

Unha mañá especial na biblioteca: contacontos e formación de usuarios!

O pasado luns 12 de maio, o alumnado de Educación Primaria gozou dunha mañá moi especial na biblioteca central do CRA. 

Tivemos un contacontos do libro O Rabaño de Margarita del Mazo, historia que nos achegou ao mundo das ovellas que saltan valados para axudar a durmir ata que unha delas está farta desta rutina.

Logo de meternos na historia, iniciamos a formación de usuarios, onde aprendemos a movernos pola biblioteca e descubrir os seus recursos. Durante a sesión:

  • Aprendemos a manipular as páxinas dos libros correctamente para conservar os materiais no mellor estado posible.
  • Xogamos co titorial de formación de usuarios.
  • Exploramos a CDU (Clasificación Decimal Universal), para entender a organización dos estantes dos libros.
  • Desciframos as etiquetas dos tejuelos, identificando a información clave de cada exemplar.

Para reforzar todo o aprendido, participamos en dous xogos moi divertidos nos que asociamos portadas de libros cos seus tejuelos correspondentes e outro no que tivemos que localizar un libro concreto no estante, a partir do seu tejuelo.


Ao longo da xornada tamén utilizamos o material do Recuncho Argalleiro, experimentando e explorando novas formas de aprendizaxe dentro da biblioteca.

 


 

Por último, aínda nos deu tempo a facer préstamo de libros, levando con nós lecturas para seguir gozando da lectura. Se queres saber todos os libros cos que contamos para ver cales son os que che gustaría consultar, accede aquí ao noso catálogo.

A nosa biblioteca é un lugar de encontro, descubrimento e diversión. Seguimos explorando e aprendendo cada día!



Visita especial á nosa biblioteca: Verónica Bolón!

O pasado 12 de maio, tivemos a sorte de recibir na nosa biblioteca á científica carballesa Verónica Bolón, quen compartiu co alumnado de Primaria a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía.

Durante a charla, Verónica falounos sobre o seu traballo no campo da intelixencia artificial e a computación, explicando como a ciencia pode axudar a resolver problemas reais e mellorar a vida das persoas. O alumnado participou activamente, facendo preguntas e descubrindo curiosidades sobre o mundo da investigación.

Agardamos por vós na próxima publicación, sempre con ganas de seguir aprendendo!

luns, 5 de maio de 2025

Luces, cámara, acción... que vén o Salón!

Do 22 ao 30 de abril, celebrouse en Carballo a XVIII Semana do Libro e a Lectura. Este ano, a temática do Salón do Libro estivo aliñada coa do Salón do Libro de Pontevedra, dedicada ao mundo do cine baixo o lema "Luces, cámara, acción... que vén o Salón!".

Durante toda a semana, a Biblioteca Rego da Balsa acolleu unha exposición de traballos elaborados polo alumnado de diversos centros educativos do concello. O noso centro participou nesta edición cunha proposta moi especial: proxectores caseiros que mostraban ilustracións de flora e fauna da nosa contorna. Tivemos a oportunidade de participar, en horario de mañá, no contacontos baseado na historia de A pita xefa así como subir ao primeiro andar a ver a exposición.




Polas tardes, a biblioteca ofreceu diversidade de contacontos e obradoiros para todas as idades.

Foron días de aprendizaxe, cultura e diversión, onde a lectura e o cine compartiron protagonismo. Xa estamos desexando participar na próxima edición!

Podedes ver as actividades realizadas na biblioteca Rego da Balsa nesta publicación.

Material para as letras galegas 25

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Unha homenaxe colectiva a todas aquelas mulleres que, coa súa voz e saber transmitido xeración tras xeración, fixeron medrar o noso patrimonio cultural.

Desde o equipo de dinamización da lingua galega elaborouse unha presentación moi traballada para poder afondar sobre a temática.

Tamén vos deixamos por aquí unha pequena recomendación lectora para animarvos.

 

Convidámosvos a celebrar a nosa lingua, a nosa música e a nosa identidade agora e sempre.