martes, 30 de xuño de 2026

Neste verán mergúllate nun mar de lecturas...

Desde a biblioteca do CRA queremos convidarvos este verán a mergullarvos no mar das lecturas. Ler é unha maneira marabillosa de viaxar sen saír do sitio, de coñecer outros mundos, persoas e culturas, e tamén de vivir aventuras, emocións e aprendizaxes que nos acompañan para sempre.

Durante as vacacións, cando temos máis tempo para nós, a lectura convértese nunha gran compañeira: axúdanos a relaxarnos, a imaxinar e a mirar a realidade con novos ollos. Por iso, preparamos unha pequena selección de libros pensada para todos os gustos e idades, coa que podedes ir abrindo boca e descubrir novas historias.

Agardamos que estas propostas vos animen a ler, que atopedes libros que vos fagan soñar, rir ou reflexionar e que gocedes dun verán cheo de boas lecturas e momentos especiais. 

Boas vacacións!


luns, 29 de xuño de 2026

Derrubando muros, construíndo lembranzas

E chegou o último día de clase, deses que mesturan a alegría da celebración coa emoción de mirar cara atrás e decatarse de todo o vivido ao longo do curso.

Quixemos despedir este curso tan especial celebrando xuntos coa romaría de fin de curso, unha xornada chea de arte e música, arredor do noso PDI Derrubando muros.

Ao longo da mañá, o alumnado converteuse en artista, músico, bailarín, construtor e creador. Tivemos a enorme sorte de contar con Rakele Cavallo, coa que elaboramos un mural colectivo que quedará para sempre, na escola de Rega, como símbolo de todo o que fomos construíndo durante este camiño. Houbo ritmo con beatbox e baile urbano; imaxinación nas construcións co sistema Lupo; e moita cor e creatividade nos murais efémeros realizados con tizas.

Tamén tivemos o privilexio de escoitar a Vero Rilo coas súas historias, que sempre son un acerto.

E, como non podía ser doutro xeito, quixemos compartir esta despedida coas familias, que son unha parte fundamental da nosa comunidade educativa. Grazas por acompañarnos, por visitar a exposición do noso PDI, por compartir conversas, despedidas e un delicioso chocolate con churros que soubo a celebración.

Hoxe pechamos un curso, pero levamos connosco moito: experiencias compartidas, aprendizaxes, emocións, amizades e a certeza de que a arte ten o poder de unir, de abrir camiños e, sobre todo, de derrubar muros.

Grazas, de corazón, a todas as familias por camiñar ao noso lado un curso máis. Grazas ao alumnado por enchernos cada día de aprendizaxe. E, tamén grazas ao profesorado, por traballar en equipo para seguir facendo escola.

Despedímonos ata setembro co corazón cheo.

Viva a arte urbana!


Para poder ver máis fotografías de todo o proceso, visitade a páxina web do PDI.

luns, 1 de xuño de 2026

A Pequefeira: emprendemento, creatividade e arte urbana

O pasado 29 de maio, o alumnado de Educación Primaria participou nunha nova edición da Pequefeira, unha iniciativa que promove o emprendemento, a sustentabilidade e a participación activa da comunidade educativa.

Durante a xornada, os nenos e nenas desprazáronse ao Mercado Municipal de Carballo para poñer á venda diferentes produtos elaborados por eles mesmos ao longo do curso. Entre os artigos ofrecidos atopábanse diversas manualidades e artesanías, así como produtos da horta escolar, cultivados e coidados polo propio alumnado. A experiencia permitiulles coñecer de primeira man o funcionamento dun mercado, desenvolver habilidades comunicativas e valorar o esforzo que hai detrás de cada produto.

Aproveitando que estes días se está a celebrar o Rexenera Fest, a actividade continuou cun roteiro polos murais de Carballo. Un percorrido no que o alumnado puido descubrir algunhas das obras de arte urbana que embelecen as rúas da vila e que converten os seus espazos públicos nun auténtico museo ao aire libre. Durante o traxecto, tiveron tamén a oportunidade de atoparse con algunhas das artistas que estaban a pintar nese momento, observando o proceso creativo en directo e mesmo falando con elas sobre as súas obras e técnicas.

Esta visita serviu tamén para achegarse ao espírito deste festival de arte urbana, no que ano tras ano, transforma Carballo a través de intervencións artísticas de gran calidade. Grazas a este evento, artistas de diferentes lugares deixan a súa pegada nos muros da localidade, creando obras que invitan á reflexión, fomentan a creatividade e contribúen á revitalización dos espazos urbanos. O contacto directo coas creadoras permitiunos comprender mellor o valor deste festival e o traballo que hai detrás de cada mural.

A Pequefeira e o roteiro dos murais convertéronse así nunha experiencia moi enriquecedora, na que o alumnado puido combinar aprendizaxes relacionadas co emprendemento, a sustentabilidade, a arte e o coñecemento da contorna, desfrutando dunha xornada diferente e chea de descubrimentos. Un día no que, ademais de poñer en práctica moitos coñecementos, puideron vivir a arte en primeira persoa.

Ademais, deixámosvos a continuación a ligazón á entrevista realizada por Cadena SER, na que se dá a coñecer o traballo desenvolvido polo noso centro arredor dos murais de Carballo.

https://cadenaser.com/audio/cadenaser_ferrol_avivirlasrias_20260606_130516_140000/?ssm=whatsapp