xoves, 23 de abril de 2026

A música e a arte urbana dos murais

Do 16 ao 24 de abril, celebramos en Carballo unha nova edición do Salón do Libro, unha cita imprescindible arredor da lectura, a creatividade e a expresión artística. Este ano, a temática xirou arredor da música, converténdose no fío condutor das diferentes propostas achegadas polos centros.

Este curso, a nosa participación estivo vinculada ao PDI deste curso sobre os murais de Carballo. Cada aula escolleu un mural e, a partir del, realizamos unha chuvia de ideas na que fomos recollendo palabras que nos transmitía ou elementos que podiamos observar nel.

Con todas esas palabras, empregamos a intelixencia artificial para crear un prompt co que xerar cancións de estilo urbano. A continuación, a través de Suno, escoitamos diferentes propostas musicais e seleccionamos aquelas que mellor nos representaban cada mural.

O produto final, exposto na Biblioteca Rego da Balsa, combina imaxe e son: fotografías dos murais acompañadas dun código QR que permite escoitar a música creada polo alumnado. Foi unha experiencia na que mesturamos observación, linguaxe, creatividade e tecnoloxía, transformando a arte visual en expresión musical.

Para poder escoitar as cancións, podedes escanear os códigos de cada imaxe.

  




mércores, 22 de abril de 2026

Contacontos e visita ao Salón do libro 2026

Durante a nosa visita ao Salón do Libro, tivemos a oportunidade de gozar dunha actividade moi especial na Biblioteca Rego da Balsa.

Asistimos ao contacontos "Cacho animalada", dinamizado por Vero Rilo e Luís Iglesias, no que nos mergullamos nun mundo cheo de humor un chisco salvaxe para logo rematar escoitando a historia de A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, que provocou risas e moita participación por parte do alumnado. Hai contos que sempre son un acerto e este sabemos que é un deles.

Ademais da actividade, tamén tivemos ocasión de visitar a exposición instalada na biblioteca, onde puidemos ver os traballos realizados polos distintos centros educativos do noso Concello.

Sempre é un pracer visitar as bibliotecas de Carballo, grazas por convidarnos.