Carballo máxico. A nosa participación no Salón do libro de Carballo

Que é a maxia? 

Se preguntamos ao noso alumnado,  mencionan nas suas respostas "ter poderes", "seres máxicos", "facer desaparecer cousas"... Onde está a maxia? "Na noite de Reises", "cando vén o Rato Pérez", "no Samaín" Momentos e seres máxicos case universais. Pero... existen feitos máxicos na nosa contorna? Pois resulta que nos botamos a preguntar, mandamos notiña a casa e as familias contestáronnos que si, que en Carballo vivimos rodeadas de historias máxicas, de lendas e de encantos que fan desaparecer cousas, de meigas que se reúnen co demo para castigar a quen non cuida o monte, de trabes de ouro, de cidades sumerxidas e outras tantas historias que o noso alumnado, facendo MAXIA, convertiu en obxectos tridimensionais: metimos cada historia nunha caixa, a caixa-conto (proposta adaptada do colectivo Escola Imaxinada) e a partir da semana que vén poderedes visitalas no Salón do Libro de Carballo. Alí tamén podedes coñecer que é un taumatropo, ou como conseguimos facer maxia unindo dúas imaxes nunha 😉.

Moitas grazas a todas as familias e alumnado polo traballo de investigación levado a cabo, no que confirmamos que si, que Carballo ten moita maxia, e que está nas nosas mans seguir mantendo viva a nosa tradición oral para que nunca se perda! ✨








Comentarios