Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2026, no cole desenvolvemos diferentes actividades para achegarnos á figura de Begoña Caamaño e para seguir descubrindo a riqueza da lingua e da cultura galega.
Seguindo o fío condutor do noso PDI con temática de arte e da Biblioteca Creativa, integrada no programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, realizamos unha proposta centrada no deseño gráfico, na imprenta e na comunicación escrita. A actividade invitounos a descubrir todo o que hai detrás das palabras impresas: as tipografías, os selos, a composición, os carteis, as cubertas dos libros e os diferentes procesos de creación e edición, ámbitos moi relacionados coa traxectoria de Begoña Caamaño como xornalista e escritora.
A través desta experiencia, o alumnado puido achegarse ao mundo da estampación e experimentar con distintas técnicas e materiais para crear composicións propias. Como resultado do traballo realizado, elaboramos unhas libretas moi especiais nas que estampamos diferentes palabras galegas, combinando creatividade, arte e lingua.
Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos, creamos e celebramos xuntos a nosa lingua, demostrando que o galego segue moi vivo nas aulas, nas bibliotecas e nas mans das novas xeracións.
Ademais desta proposta creativa, nas distintas aulas tamén se realizaron outras actividades relacionadas coa vida e coa obra de Begoña Caamaño: lecturas, investigacións, conversas e dinámicas para coñecer mellor a súa figura e o seu compromiso coa cultura galega. Algúns exemplos:
Para poñer o broche final a esta celebración, o venres fixemos convivencia de todas as escoliñas do CRA, compartindo unha xornada chea de música, alegría e compañeirismo. Ademais, tivemos a sorte de contar co espectáculo "Brinca vai" de Paco Nogueiras, que conseguiu facer cantar, bailar e participar a todo o alumnado coas súas cancións e a súa enerxía.
Sen dúbida, foi un final perfecto para unhas Letras Galegas vividas con ilusión, creatividade e moitas ganas de seguir celebrando o noso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario