mércores, 20 de maio de 2026

Descubrindo a arte urbana de Carballo

O pasado luns, 18 de maio, realizamos unha saída moi especial para coñecer de preto os murais de arte urbana de Carballo, obras que enchen de cor, creatividade e vida as fachadas da vila.

Esta visita estivo integrada dentro do noso PDI deste curso, “Derrubando muros”, unha proposta coa que estamos a reflexionar sobre a arte, a expresión e a capacidade de transformar os espazos e as persoas a través da creatividade.

Ao longo do percorrido, o alumnado puido observar diferentes murais, descubrir os seus detalles e reflexionar sobre como a arte pode transformar os espazos públicos e converter as rúas nun auténtico museo ao aire libre.

A arte urbana ten unha grande importancia en Carballo, que cada ano acolle o festival Rexenera Fest, un referente da arte urbana en Galicia que reúne artistas de diferentes lugares para encher a vila de creación e expresión artística.

Acompañounos Maite, persoal do Concello de Carballo, para guiarnos na ruta e, durante a visita, tivemos tamén a oportunidade de contar coa presenza da artista local Rakele Cavallo, que nos acompañou diante do mural da balea, realizado por ela mesma. Compartiu con nós diversas curiosidades sobre o proceso de creación, os significados da obra e o traballo que hai detrás dun mural destas dimensións, permitindo que o alumnado se achegase á arte dunha forma máis próxima e vivencial.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos a mirar a arte doutro xeito, valorando a creatividade, o esforzo e a capacidade das artistas para transmitir ideas e emocións a través das súas obras.

Sen dúbida, unha saída chea de aprendizaxes, inspiración e moita arte.

                                   

Ningún comentario:

Publicar un comentario