venres, 4 de outubro de 2024

Recomendacións para un outono lector


Abrimos este outono de tempo chuvioso cunha invitación a asar un puñadiño de castañas e ler un bo libro ao calor do fogar.
Agardamos que vos gusten.

Esta semana tamén comeza o préstamo de libros semanal, gozade coas vosas escollas.

martes, 21 de maio de 2024

xoves, 18 de abril de 2024

Carballo máxico. A nosa participación no Salón do libro de Carballo

Que é a maxia? 

Se preguntamos ao noso alumnado,  mencionan nas suas respostas "ter poderes", "seres máxicos", "facer desaparecer cousas"... Onde está a maxia? "Na noite de Reises", "cando vén o Rato Pérez", "no Samaín" Momentos e seres máxicos case universais. Pero... existen feitos máxicos na nosa contorna? Pois resulta que nos botamos a preguntar, mandamos notiña a casa e as familias contestáronnos que si, que en Carballo vivimos rodeadas de historias máxicas, de lendas e de encantos que fan desaparecer cousas, de meigas que se reúnen co demo para castigar a quen non cuida o monte, de trabes de ouro, de cidades sumerxidas e outras tantas historias que o noso alumnado, facendo MAXIA, convertiu en obxectos tridimensionais: metimos cada historia nunha caixa, a caixa-conto (proposta adaptada do colectivo Escola Imaxinada) e a partir da semana que vén poderedes visitalas no Salón do Libro de Carballo. Alí tamén podedes coñecer que é un taumatropo, ou como conseguimos facer maxia unindo dúas imaxes nunha 😉.

Moitas grazas a todas as familias e alumnado polo traballo de investigación levado a cabo, no que confirmamos que si, que Carballo ten moita maxia, e que está nas nosas mans seguir mantendo viva a nosa tradición oral para que nunca se perda! ✨








mércores, 28 de febreiro de 2024

187 anos de Rosalía de Castro

 O 23 de febreiro todas as escolas do CRA Ponte da Pedra celebramos o aniversario de Rosalía de Castro, hai 187 anos. Aproveitando o noso PDI, Coidámonos cos cinco sentidos, e máis concretamente o traballo centrado no coidado ás demais persoas, quixemos compartir coa veciñanza das nosas aldeas algúns dos seus poemas máis sonados. 





Ilustramos unha escolma de poemas:







E saímos buzonear polas nosas parroquias! 






Na esocoliña de Artes non perderon ocasión, e celebraron o aniversario da autora cun biscoito cheo de versos dun poema que o alumnado acabou por ordear. 



Grazas por tanto, Rosalía... e alá onde estés, feliz aniversario!


Día da nena na ciencia

 Na Escoliña de Mirón estiveron a traballar o Día da nena na ciencia (11 de febreiro) a través do conto "Ada, magnífica científica", no contexto de traballo de aula que están a facer sobre os diferentes inventos que cambiaron (e melloraron) a humanidade. 




ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030. Visibilizar o traballo das mulleres no ámbito científico e incluir as dificultades coas que se atopan, ademais de empoderar ás nenas nas competencias STEAM, é fundamental para acabar coa fenda de xénero nesta área. 

martes, 30 de xaneiro de 2024

Palabras para quentar o corazón

 Nos días de inverno quentamos o noso corpo cunha mantiña,unha infusión ou unha sopa quente. Pero con que quentamos o noso corazón? As nenas e nenos do CRA conmemoramos o Día da paz e non violencia facendo un agasallo á comunidade, palabras que nos fan sentir ben, confortables, que nos quecen a alma. Agrupámonos entre as diferentes escolas nunha xornada de convivencia na que intercambiamos palabras que nos gusta escoitar e que pensamos que nos axudan a mellorar o noso día a día. Para espallar esta calor ao resto de persoas, colocamos estas palabras nuns botes repartidos por diferentes establecementos do concello de Carballo, coa esperanza de facer sentir ben á quen as recolla. 
Nestes tempos nos que diferentes guerras e conflictos inxustos cubren as portadas dos nosos xornais, queremos lembrar que só a palabra pode ser o camiño para o entendemento e a paz.