mércores, 26 de novembro de 2025
Novidades novembro
martes, 25 de novembro de 2025
Lecturas para o 25 de novembro
Este mes a nosa biblioteca énchese de cores, palabras e emocións para celebrar unha data moi especial: o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Queremos aproveitar este momento para encher as aulas de historias que sementen igualdade, respecto e amizade. Porque os contos tamén poden axudar a cambiar o mundo, a ensinar que ninguén é máis ca ninguén e que todas as persoas temos dereito a ser tratadas con cariño e respecto.
Nesta semana tan importante, convidámosvos a ler, escoitar e compartir contos que nos falan de nenos e nenas valentes, libres e soñadoras, que non teñen medo de ser quen son nin de loitar polo que cren.
luns, 3 de novembro de 2025
Novembro: mes da ciencia en galego
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ven impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.
Dende a nosa biblio, queremos sumar esforzos para espallar o coñecemento científico en galego, espertar a curiosidade e fomentar o espírito investigador entre o noso alumnado. A ciencia axúdanos a comprender mellor o mundo que nos rodea, e tamén nos ensina a facer preguntas, buscar respostas e non deixar nunca de aprender.
Ao longo deste mes, propoñeranse diferentes recursos, experimentos e lecturas para descubrir que a ciencia tamén fala galego e que todas e todos podemos ser pequenos e pequenas científicas.
En palabras de Marie Curie: “na vida non hai nada que temer, só cousas que comprender”. Que mellor maneira de comprender o mundo que facelo na nosa lingua?
Na nosa biblio podes atopar algúns exemplares cheos de ciencia e curiosidade, para descubrir que aprender tamén pode ser unha aventura. Temos contos, inventarios e moitas historias agardando por ti; entre elas, podes atopar algunhas como:
E moitas máis! Achégate a coñecelas!
luns, 27 de outubro de 2025
Lecturas para acompañar o camiño educativo das familias
Na nosa biblioteca non só hai contos, aventuras e historias cheas de fantasía para as nenas e nenos. Tamén atoparedes un espazo de lectura e reflexión para as familias, con libros de pedagoxía, educación e psicoloxía, pensados para acompañar o camiño da crianza, ofrecer recursos útiles e axudar a comprender mellor cada etapa do desenvolvemento infantil.
Os luns, as familias podedes levar estes libros en préstamo durante un mes, para ler con calma, gozar da lectura e poñer en práctica aquelas ideas que vos resulten máis útiles e inspiradoras.
Queremos que a biblioteca sexa un lugar de encontro, crecemento e aprendizaxe compartida entre toda a comunidade educativa. Achegádevos e descubride todas as novidades que vos están agardando.
Preme erriba da imaxe para acceder á listaxe de libros.
venres, 24 de outubro de 2025
A biblio do CRA ábrese á comunidade educativa!
Abrimos as portas da biblioteca do CRA Ponte da Pedra a todas as persoas que formamos parte desta gran comunidade: nenas e nenos, familias e profesorado.
Un espazo cheo de maxia, curiosidade e aprendizaxe, onde cada libro agocha novas aventuras por descubrir, novos mundos por explorar e mil historias que agardan por ti.
Vémonos todos os luns, de 18:00 a 19:00, para compartir xuntos momentos especiais entre miles de páxinas, conversas, sorrisos e descubrimentos.
No cartel que segue atoparedes as normas da biblioteca. Lembrade respectalas sempre que a visitemos, para manter un espazo acolledor, agradable e aberto a todas e todos.
Visitamos a biblioteca do CRA
Con motivo da conmemoración do día das bibliotecas (o 24 de outubro), ao longo desta semana, todo o alumnado de todas as escolas fixemos unha visita á nosa biblioteca, ubicada na sede do CRA. Cada grupo-aula pasou alí unha xornada completa, realizando actividades variadas, relacionadas co funcionamento da biblioteca e co PDI:
Coñecemos a biblioteca e a súa organización, así como as normas de convivencia da mesma.
- Elaboramos o noso punto-libro, que logo empregaremos nas visitas que fagamos á biblioteca polas tardes coas nosas familias e que nos permitará saber onde colocar os libros que imos mirando.
- Contamos contos e miramos e lemos libros.
- Xogamos cos materiais do recuncho argalleiro.
- Aproveitamos para visitar o mural que nos dou "entrada" á biblioteca, pintado na parede do edificio da sede, así como outros murais de Carballo.
- Convertémonos en grandes artistas, facendo unha representación do mural da sede.
Feliz día das bibliotecas a todas e todos!
venres, 17 de outubro de 2025
Poñemos en marcha o PDI deste curso
Durante estas últimas semanas comezamos a traballar sobre o PDI deste curso, en colaboración coas familas.
Todo comezou coa recepción dunha carta que contiña as pezas dun crebacabezas... que resultou ser un mural ubicado no noso concello. A esta carta seguírona outras dúas: unha na que nos animaban a investigar sobre ese mural, coa axuda das familias (e cubrir unha ficha técnica); e unha última carta na que nos convidan a visitar a biblioteca do noso CRA durante unha xornada enteira! E iso será o que faremos a vindeira semana, pois o día 24 é o día das bibliotecas.
venres, 3 de outubro de 2025
Libros que van e veñen
Hoxe comezamos co préstamo de libros das bibliotecas de aula: libros que van e veñen, nas bolsas que cada alumna e alumno teñen na súa aula para tal fin.
Este primeiro día, incluímos tamén un díptico para as familias, para axudarvos a sacarlle o máximo proveito á actividade e tamén algunhas indicacións do funcionamento (días de ida e volta, normas, recomendacións...).
Boa lectura a todos e todas!
xoves, 2 de outubro de 2025
Estamos no PLAMBE! Un novo capítulo para a nosa biblioteca escolar
Temos unha nova que nos enche de ilusión: o noso centro foi seleccionado como centro de nova incorporación ao PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares)! Este recoñecemento supón un impulso moi importante para a nosa biblioteca, que se enriquece con novos recursos, formación e propostas para seguir medrando como espazo de aprendizaxe, creatividade e encontro.
Grazas ao PLAMBE, poderemos ofrecer máis actividades, mellorar os fondos bibliográficos e fomentar aínda máis o gusto pola lectura entre todo o alumnado. Estamos desexando compartir con vós esta nova etapa chea de proxectos e sorpresas.
📖 Seguide atentos ao blog, porque isto só acaba de comezar!
mércores, 1 de outubro de 2025
Novidades outubro
Xa están aquí as novidades lectoras de outubro. Historias fresquiñas con contos que enganchan e libros de investigación que agardan a ser descubertos. Estade atentas e atentos, porque este mes a biblio encherase de propostas que vos van sorprender.
Mochilas viaxeiras 25/26
Esta semana botarán a andar de novo as Mochilas Viaxeiras. Para algunhas e algúns xa son coñecidas, pois comezaron a visitar os fogares o curso pasado.
Recordamos: en cada aula teremos unha Mochila Viaxeira que irá levando á casa todo o alumnado. Tan só tedes que esperar a vosa quenda!
Cada unha leva: 4 libros e un xogo; instruccións; un caderno viaxeiro no que nos poderedes contar a vosa opinión sobre a actividade, (podedes incluír debuxos e fotografías da vosa experiencia coa mochila...), sobre o contido, facernos suxestións... Tamén se inclúe unha folla de recomendacións lectoras para as familias, para que poidades pedir prestado á biblioteca aquel libro que máis vos interese (asi mesmo, podedes consultar outros que temos dispoñibles, no catálogo Koha).
O obxectivo principal é fomentar e animar a lectura e o xogo en familia así como que vaiades descubrindo algúns materiais novos.
Boa viaxe a todas as mochilas!
luns, 22 de setembro de 2025
Recomendacións de outono
Chega o outono e comeza a tempada de cores douradas, castañas e tempo húmido. Desde a biblio queremos acompañarvos nestes días cunha selección de lecturas que vos farán viaxar, soñar e descubrir mundos fascinantes.
Deixámosvos a continuación as nosas recomendacións lectoras para esta estación. Agardamos que vos gusten e, como sempre, convidámosvos a compartir connosco as vosas impresións. Gozade da lectura!
luns, 15 de setembro de 2025
Volvemos con enerxía! Benvidas e benvidos ao curso 25/26
Inicia setembro e, con el, abrimos as portas a un novo curso cheo de ilusión. No CRA Ponte da Pedra xa estamos en marcha, organizando, preparando espazos e propostas que nos acompañarán ao longo dos próximos meses.











