mércores, 26 de novembro de 2025

Novidades novembro

Este mes de novembro, incorporamos á biblioteca escolar unha excelente selección de libros de investigación que enriquecerán o noso coñecemento en diversas áreas, especialmente de corpo humano e arte. 
Non volo perdades! Xa están dispoñibles para consulta e préstamo (recordade que a biblioteca está aberta a toda a comunidade educativa os luns á tarde, de 18 a 19 horas). 
Logo podedes compartir con nós as vosas impresións e opinións. 

martes, 25 de novembro de 2025

Lecturas para o 25 de novembro

Este mes a nosa biblioteca énchese de cores, palabras e emocións para celebrar unha data moi especial: o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Queremos aproveitar este momento para encher as aulas de historias que sementen igualdade, respecto e amizade. Porque os contos tamén poden axudar a cambiar o mundo, a ensinar que ninguén é máis ca ninguén e que todas as persoas temos dereito a ser tratadas con cariño e respecto.

Nesta semana tan importante, convidámosvos a ler, escoitar e compartir contos que nos falan de nenos e nenas valentes, libres e soñadoras, que non teñen medo de ser quen son nin de loitar polo que cren.

luns, 3 de novembro de 2025

Novembro: mes da ciencia en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ven impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

Dende a nosa biblio, queremos sumar esforzos para espallar o coñecemento científico en galego, espertar a curiosidade e fomentar o espírito investigador entre o noso alumnado. A ciencia axúdanos a comprender mellor o mundo que nos rodea, e tamén nos ensina a facer preguntas, buscar respostas e non deixar nunca de aprender.

Ao longo deste mes, propoñeranse diferentes recursos, experimentos e lecturas para descubrir que a ciencia tamén fala galego e que todas e todos podemos ser pequenos e pequenas científicas.

En palabras de Marie Curie: “na vida non hai nada que temer, só cousas que comprender”. Que mellor maneira de comprender o mundo que facelo na nosa lingua?

Na nosa biblio podes atopar algúns exemplares cheos de ciencia e curiosidade, para descubrir que aprender tamén pode ser unha aventura. Temos contos, inventarios e moitas historias agardando por ti; entre elas, podes atopar algunhas como:


E moitas máis! Achégate a coñecelas!

luns, 27 de outubro de 2025

Lecturas para acompañar o camiño educativo das familias

Na nosa biblioteca non só hai contos, aventuras e historias cheas de fantasía para as nenas e nenos. Tamén atoparedes un espazo de lectura e reflexión para as familias, con libros de pedagoxía, educación e psicoloxía, pensados para acompañar o camiño da crianza, ofrecer recursos útiles e axudar a comprender mellor cada etapa do desenvolvemento infantil.

Os luns, as familias podedes levar estes libros en préstamo durante un mes, para ler con calma, gozar da lectura e poñer en práctica aquelas ideas que vos resulten máis útiles e inspiradoras.

Queremos que a biblioteca sexa un lugar de encontro, crecemento e aprendizaxe compartida entre toda a comunidade educativa. Achegádevos e descubride todas as novidades que vos están agardando.

Preme erriba da imaxe para acceder á listaxe de libros.

venres, 24 de outubro de 2025

A biblio do CRA ábrese á comunidade educativa!

Abrimos as portas da biblioteca do CRA Ponte da Pedra a todas as persoas que formamos parte desta gran comunidade: nenas e nenos, familias e profesorado.

Un espazo cheo de maxia, curiosidade e aprendizaxe, onde cada libro agocha novas aventuras por descubrir, novos mundos por explorar e mil historias que agardan por ti.

Vémonos todos os luns, de 18:00 a 19:00, para compartir xuntos momentos especiais entre miles de páxinas, conversas, sorrisos e descubrimentos.

No cartel que segue atoparedes as normas da biblioteca. Lembrade respectalas sempre que a visitemos, para manter un espazo acolledor, agradable e aberto a todas e todos.

Visitamos a biblioteca do CRA

Con motivo da conmemoración do día das bibliotecas (o 24 de outubro), ao longo desta semana, todo o alumnado de todas as escolas fixemos unha visita á nosa biblioteca, ubicada na sede do CRA. Cada grupo-aula pasou alí unha xornada completa, realizando actividades variadas, relacionadas co funcionamento da biblioteca e co PDI:

Coñecemos a biblioteca e a súa organización, así como as normas de convivencia da mesma.

  • Elaboramos o noso punto-libro, que logo empregaremos nas visitas que fagamos á biblioteca polas tardes coas nosas familias e que nos permitará saber onde colocar os libros que imos mirando.
  • Contamos contos e miramos e lemos libros.
  • Xogamos cos materiais do recuncho argalleiro.
  • Aproveitamos para visitar o mural que nos dou "entrada" á biblioteca, pintado na parede do edificio da sede, así como outros murais de Carballo.
  • Convertémonos en grandes artistas, facendo unha representación do mural da sede.

Feliz día das bibliotecas a todas e todos!

 


  

venres, 17 de outubro de 2025

Poñemos en marcha o PDI deste curso

Durante estas últimas semanas comezamos a traballar sobre o PDI deste curso, en colaboración coas familas. 

Todo comezou coa recepción dunha carta que contiña as pezas dun crebacabezas... que resultou ser un mural ubicado no noso concello. A  esta carta seguírona outras dúas: unha na que nos animaban a investigar sobre ese mural, coa axuda das familias (e cubrir unha ficha técnica); e unha última carta na que nos convidan a visitar a biblioteca do noso CRA durante unha xornada enteira! E iso será o que faremos a vindeira semana, pois o día 24 é o día das bibliotecas.


    

venres, 3 de outubro de 2025

Libros que van e veñen

Hoxe comezamos co préstamo de libros das bibliotecas de aula: libros que van e veñen, nas bolsas que cada alumna e alumno teñen na súa aula para tal fin.

Este primeiro día, incluímos tamén un díptico para as familias, para axudarvos a sacarlle o máximo proveito á actividade e tamén algunhas indicacións do funcionamento (días de ida e volta, normas, recomendacións...).

Boa lectura a todos e todas!

 

xoves, 2 de outubro de 2025

Estamos no PLAMBE! Un novo capítulo para a nosa biblioteca escolar

Temos unha nova que nos enche de ilusión: o noso centro foi seleccionado como centro de nova incorporación ao PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares)! Este recoñecemento supón un impulso moi importante para a nosa biblioteca, que se enriquece con novos recursos, formación e propostas para seguir medrando como espazo de aprendizaxe, creatividade e encontro.

Grazas ao PLAMBE, poderemos ofrecer máis actividades, mellorar os fondos bibliográficos e fomentar aínda máis o gusto pola lectura entre todo o alumnado. Estamos desexando compartir con vós esta nova etapa chea de proxectos e sorpresas.

📖 Seguide atentos ao blog, porque isto só acaba de comezar!

mércores, 1 de outubro de 2025

Novidades outubro

Xa están aquí as novidades lectoras de outubro. Historias fresquiñas con contos que enganchan e libros de investigación que agardan a ser descubertos. Estade atentas e atentos, porque este mes a biblio encherase de propostas que vos van sorprender.

A aventura continúa con novas páxinas por explorar!

Mochilas viaxeiras 25/26

Esta semana botarán a andar de novo as Mochilas Viaxeiras. Para algunhas e algúns xa son coñecidas, pois comezaron a visitar os fogares o curso pasado.

Recordamos: en cada aula teremos unha Mochila Viaxeira que irá levando á casa todo o alumnado. Tan só tedes que esperar a vosa quenda! 

Cada unha leva: 4 libros e un xogo; instruccións; un caderno viaxeiro no que nos poderedes contar a vosa opinión sobre a actividade, (podedes incluír debuxos e fotografías da vosa experiencia coa mochila...), sobre o contido, facernos suxestións... Tamén se inclúe unha folla de recomendacións lectoras para as familias, para que poidades pedir prestado á biblioteca aquel libro que máis vos interese (asi mesmo, podedes consultar outros que temos dispoñibles, no catálogo Koha).

O obxectivo principal é fomentar e animar a lectura e o xogo en familia así como que vaiades descubrindo algúns materiais novos.

Boa viaxe a todas as mochilas!

luns, 22 de setembro de 2025

Recomendacións de outono

Chega o outono e comeza a tempada de cores douradas, castañas e tempo húmido. Desde a biblio queremos acompañarvos nestes días cunha selección de lecturas que vos farán viaxar, soñar e descubrir mundos fascinantes.

Deixámosvos a continuación as nosas recomendacións lectoras para esta estación. Agardamos que vos gusten e, como sempre, convidámosvos a compartir connosco as vosas impresións. Gozade da lectura!

luns, 15 de setembro de 2025

Volvemos con enerxía! Benvidas e benvidos ao curso 25/26

Inicia setembro e, con el, abrimos as portas a un novo curso cheo de ilusión. No CRA Ponte da Pedra xa estamos en marcha, organizando, preparando espazos e propostas que nos acompañarán ao longo dos próximos meses.

Deixámosvos aquí as novidades que temos na biblio para ir abrindo boca, pero haberá que esperar un chisquiño posto que ata outubro non comezará a funcionar o préstamo de libros.
Estamos a preparar todo con moito mimo para que sexa un espazo cheo de historias por descubrir. Estade atentas, porque pronto haberá novidades que vos van encantar!
Grazas por acompañarnos neste camiño e que comece a aventura!