xoves, 23 de xaneiro de 2025

Álbum do PDI

🍃 Xa temos o noso álbum de flora e fauna de Carballo! 🐾

É un pracer anunciar que o CRA Ponte da Pedra xa conta cun recurso moi especial para seguir coñecendo e valorando a contorna: o noso Álbum de Flora e Fauna de Carballo.

Este álbum nace como parte do noso PDI e está pensado para axudarnos a recoñecer, identificar e aprender sobre as especies máis destacadas do noso territorio. Cada imaxe vai numerada e pode pegarse no seu lugar correspondente, convertendo cada actividade nun pequeno reto de investigación e observación.

  

Ademais de ser unha ferramenta educativa, é tamén unha forma divertida de camiñar polo noso medio natural con ollos curiosos, recollendo pegadas de coñecemento en cada páxina. Nas últimas follas tamén poderemos engadir aquela flora e fauna que temos na contorna das escolas, temos todo un reto por diante.

Acompañádenos a e encher xuntos este álbum de descubrimentos!



luns, 13 de xaneiro de 2025

xoves, 19 de decembro de 2024

Visita de letras ao CPI de Zas

Esta semana, as escolas de Cances, Sísamo e Xoane, tivemos a sorte de visitar o CPI de Zas nunha convivencia lectora do máis divertida. Acolléronnos cunhas lecturas dirixidas polo alumnado de 1º ciclo de primaria e logo puidemos gozar dunha marabillosa obra de teatro escrita e interpretada polo alumnado de secundaria. Organizaron unha merenda deliciosa chea de froita, iogur natural e biscoitos da casa para logo seguir xogando todos xuntos.

Con xuntanzas así quédanos claro que a lectura pode ser un punto de conexión de grande importancia entre o alumnado de distintas idades e centros.

Grazas ás persoas que forman parte do CPI de Zas por facer posible esta visita, agardamos que poidades vir a vernos para o próximo ano!





*Actualización: Podedes ver a publicación do CPI de Zas sobre este día no seu Instagram.



luns, 16 de decembro de 2024

Visita do Apalpador co programa “Espías do bosque”


Estes días tivemos unha visita moi especial nas aulas: o Apalpador chegou acompañado da Asociación Senda Nova, dentro do seu programa Espías do bosque. Grazas a esta iniciativa, a rapazada puido coñecer de primeira man algúns dos mamíferos máis representativos dos bosques galegos, descubrindo curiosidades e características sobre a súa vida e o seu hábitat.

Aproveitamos esta ocasión para, previamente, afondar no traballo de textos informativos, escollendo como protagonista a londra, un dos animais que máis interese espertaba. Con ela investigamos, escribimos e compartimos o aprendido durante a visita.

Como agasallo especial, tamén recibimos un libro para cada aula, vinculado co noso PDI e perfecto para continuar explorando a natureza que nos rodea.



Moitas grazas á Asociación Senda Nova por achegar a cultura do bosque ás nosas aulas e facelo da man dunha figura tan querida pola nosa tradición. Actividades como esta deixan pegada e fan da aprendizaxe unha auténtica aventura!


xoves, 12 de decembro de 2024

Recomendacións lectoras de Nadal

 Deixámosvos a continuación unhas recomendacións de lectura para este mes de Nadal. Agardamos que vos gusten e invitámosvos a compartir con nós que vos parecen. Boas festas!


mércores, 11 de decembro de 2024

Un día de convivencia e inclusión no Mercado Municipal

O pasado 3 de decembro, conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha xornada de convivencia entre todas as escolas. Foi unha oportunidade única para reforzar valores de inclusión, empatía e traballo en equipo, colaborando da man da asociación "Un paso máis", que nos brindou unha serie de actividades deportivas accesibles para todos.


 
 

O Mercado Municipal converteuse nun espazo de encontro onde alumnado e profesorado participaron activamente en propostas adaptadas, desde xogos de habilidade ata disciplinas que puxeron a proba a cooperación e a superación persoal.

Esta xornada supuxo un espazo de encontro enriquecedor, no que cada actividade ampliou a perspectiva sobre a diversidade e reforzou os vínculos de compañeirismo, destancando o valor do deporte como ferramenta de integración.

Esperamos que iniciativas como esta sigan formando parte do noso día a día, creando espazos máis accesibles e enriquecedores para todos. Porque cada paso conta para construír unha sociedade máis equitativa!

luns, 7 de outubro de 2024

Comezamos unha nova aventura: PDI Flora e fauna de Carballo

Este curso iniciamos un proxecto que nos levará a descubrir a riqueza natural da nosa contorna. Baixo o paraugas do noso PDI, mergullarémonos no estudo da fauna e flora de Carballo, un tema que nos convida a observar, investigar e experimentar sobre o que temos preto de nós.

Ao longo dos próximos meses faremos pequenos traballos de investigaciónsairemos ao monte, falaremos con persoas expertas e iremos documentando cada paso do noso proceso de aprendizaxe. Viviremos momentos para crear, compartir, emocionarnos... e sorprenderémonos co que a natureza agocha detrás de cada folla ou canto de paxaro.

Deixámosvos aquí unha listaxe cos libros que temos na nosa biblio sobre este proxecto así como páxinas web de interese.

Xuntas e xuntos faremos deste PDI unha experiencia viva, participativa e chea de descubrimentos. A natureza espéranos… comezas esta viaxe connosco?

venres, 4 de outubro de 2024

Recomendacións para un outono lector


Abrimos este outono de tempo chuvioso cunha invitación a asar un puñadiño de castañas e ler un bo libro ao calor do fogar.
Agardamos que vos gusten.

Esta semana tamén comeza o préstamo de libros semanal, gozade coas vosas escollas.

martes, 21 de maio de 2024

xoves, 18 de abril de 2024

Carballo máxico. A nosa participación no Salón do libro de Carballo

Que é a maxia? 

Se preguntamos ao noso alumnado,  mencionan nas suas respostas "ter poderes", "seres máxicos", "facer desaparecer cousas"... Onde está a maxia? "Na noite de Reises", "cando vén o Rato Pérez", "no Samaín" Momentos e seres máxicos case universais. Pero... existen feitos máxicos na nosa contorna? Pois resulta que nos botamos a preguntar, mandamos notiña a casa e as familias contestáronnos que si, que en Carballo vivimos rodeadas de historias máxicas, de lendas e de encantos que fan desaparecer cousas, de meigas que se reúnen co demo para castigar a quen non cuida o monte, de trabes de ouro, de cidades sumerxidas e outras tantas historias que o noso alumnado, facendo MAXIA, convertiu en obxectos tridimensionais: metimos cada historia nunha caixa, a caixa-conto (proposta adaptada do colectivo Escola Imaxinada) e a partir da semana que vén poderedes visitalas no Salón do Libro de Carballo. Alí tamén podedes coñecer que é un taumatropo, ou como conseguimos facer maxia unindo dúas imaxes nunha 😉.

Moitas grazas a todas as familias e alumnado polo traballo de investigación levado a cabo, no que confirmamos que si, que Carballo ten moita maxia, e que está nas nosas mans seguir mantendo viva a nosa tradición oral para que nunca se perda! ✨