martes, 19 de maio de 2026

12ª Edición do Rexenera Fest

O Rexenera Fest xa está de volta! Do 28 de maio ao 7 de xuño, Carballo volverá encherse de cor coa chegada de cinco muralistas que contribuirán a seguir ampliando este museo ao aire libre que medra ano tras ano e que xa forma parte da identidade da nosa vila.

Se queredes coñecer quen participa este ano, os espazos de intervención e toda a programación, podedes consultar toda a información na páxina oficial Rexenera Fest - Web Oficial

luns, 18 de maio de 2026

As nosas Letras: creando, imprimindo e descubrindo a Begoña Caamaño

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2026, no cole desenvolvemos diferentes actividades para achegarnos á figura de Begoña Caamaño e para seguir descubrindo a riqueza da lingua e da cultura galega.

Seguindo o fío condutor do noso PDI con temática de arte e da Biblioteca Creativa, integrada no programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, realizamos unha proposta centrada no deseño gráfico, na imprenta e na comunicación escrita. A actividade invitounos a descubrir todo o que hai detrás das palabras impresas: as tipografías, os selos, a composición, os carteis, as cubertas dos libros e os diferentes procesos de creación e edición, ámbitos moi relacionados coa traxectoria de Begoña Caamaño como xornalista e escritora.

A través desta experiencia, o alumnado puido achegarse ao mundo da estampación e experimentar con distintas técnicas e materiais para crear composicións propias. Como resultado do traballo realizado, elaboramos unhas libretas moi especiais nas que estampamos diferentes palabras galegas, combinando creatividade, arte e lingua.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que aprendemos, creamos e celebramos xuntos a nosa lingua, demostrando que o galego segue moi vivo nas aulas, nas bibliotecas e nas mans das novas xeracións.

Ademais desta proposta creativa, nas distintas aulas tamén se realizaron outras actividades relacionadas coa vida e coa obra de Begoña Caamaño: lecturas, investigacións, conversas e dinámicas para coñecer mellor a súa figura e o seu compromiso coa cultura galega. Algúns exemplos:


         

Para poñer o broche final a esta celebración, o venres fixemos convivencia de todas as escoliñas do CRA, compartindo unha xornada chea de música, alegría e compañeirismo. Ademais, tivemos a sorte de contar co espectáculo "Brinca vai" de Paco Nogueirasque conseguiu facer cantar, bailar e participar a todo o alumnado coas súas cancións e a súa enerxía.

Sen dúbida, foi un final perfecto para unhas Letras Galegas vividas con ilusión, creatividade e moitas ganas de seguir celebrando o noso.

venres, 15 de maio de 2026

Letras Galegas 2026

A QUEN HOMENAXEAMOS NESTAS LETRAS GALEGAS?

BEGOÑA CAAMAÑO RASCADO

Begoña Caamaño naceu en Vigo no ano 1964 e faleceu en Santiago de Compostela en 2014. Foi xornalista, escritora e activista cultural. Traballou durante moitos anos na radio e nos medios públicos galegos, destacando polo seu compromiso coa lingua galega e coa igualdade.

Como escritora, destacou especialmente polas súas novelas:

  • Circe ou o pracer do azul
  • Morgana en Esmelle
POR QUE LLE ADICAMOS O DÍA DAS LETRAS?

A súa obra e a súa traxectoria representan valores moi importantes para a sociedade galega: a defensa da lingua, o compromiso coa cultura, a igualdade entre homes e mulleres e a creación literaria innovadora e de calidade.

Con esta homenaxe, recoñécese tamén o papel das mulleres na literatura galega e a importancia de seguir promovendo a nosa lingua entre as novas xeracións.

VIVA A NOSA LINGUA!

O Día das Letras Galegas recórdanos cada ano a importancia de coidar, falar e transmitir o galego, a nosa historia, a nosa maneira de entender o mundo e a nosa identidade como pobo. 

Celebrar este día é tamén celebrar a cultura, a creatividade e todas as persoas que traballan para que o galego siga sendo unha lingua viva, moderna e chea de futuro.

UN DÍA PARA HONRALA, 365 DÍAS PARA FALALA

xoves, 23 de abril de 2026

A música e a arte urbana dos murais

Do 16 ao 24 de abril, celebramos en Carballo unha nova edición do Salón do Libro, unha cita imprescindible arredor da lectura, a creatividade e a expresión artística. Este ano, a temática xirou arredor da música, converténdose no fío condutor das diferentes propostas achegadas polos centros.

Este curso, a nosa participación estivo vinculada ao PDI deste curso sobre os murais de Carballo. Cada aula escolleu un mural e, a partir del, realizamos unha chuvia de ideas na que fomos recollendo palabras que nos transmitía ou elementos que podiamos observar nel.

Con todas esas palabras, empregamos a intelixencia artificial para crear un prompt co que xerar cancións de estilo urbano. A continuación, a través de Suno, escoitamos diferentes propostas musicais e seleccionamos aquelas que mellor nos representaban cada mural.

O produto final, exposto na Biblioteca Rego da Balsa, combina imaxe e son: fotografías dos murais acompañadas dun código QR que permite escoitar a música creada polo alumnado. Foi unha experiencia na que mesturamos observación, linguaxe, creatividade e tecnoloxía, transformando a arte visual en expresión musical.

Para poder escoitar as cancións, podedes escanear os códigos de cada imaxe.

  




mércores, 22 de abril de 2026

Contacontos e visita ao Salón do libro 2026

Durante a nosa visita ao Salón do Libro, tivemos a oportunidade de gozar dunha actividade moi especial na Biblioteca Rego da Balsa.

Asistimos ao contacontos "Cacho animalada", dinamizado por Vero Rilo e Luís Iglesias, no que nos mergullamos nun mundo cheo de humor un chisco salvaxe para logo rematar escoitando a historia de A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, que provocou risas e moita participación por parte do alumnado. Hai contos que sempre son un acerto e este sabemos que é un deles.

Ademais da actividade, tamén tivemos ocasión de visitar a exposición instalada na biblioteca, onde puidemos ver os traballos realizados polos distintos centros educativos do noso Concello.

Sempre é un pracer visitar as bibliotecas de Carballo, grazas por convidarnos.

luns, 30 de marzo de 2026

Concerto De Ninghures


O pasado 27 de marzo, o alumnado do centro tivo a oportunidade de asistir, acompañado das súas familias, á actuación do grupo musical De Ninghures. 

Foi unha xornada moi especial, na que a música se converteu nun punto de encontro para toda a comunidade educativa. Nela puidemos desfrutar dunha proposta musical que combinou a tradición galega con influencias doutras músicas do mundo, creando un espectáculo dinámico e cheo de ritmo. 

Sen dúbida, a experiencia resultou moi enriquecedora tanto para os nenos e nenas coma para os adultos, xa que participaron con entusiasmo: cantando, bailando e descubrindo novas formas de achegarse á nosa cultura musical.






venres, 20 de marzo de 2026

Recomendacións de primavera

Coa chegada da primavera, os días medran, a luz volve encher as fiestras e aparecen novos momentos para parar, respirar… e ler. Dende a biblio do noso CRA queremos celebrar esta estación convidándovos a descubrir historias que acompañen estes días de cambio, curiosidade e renovación. Nesta selección atoparedes recomendacións lectoras para diferentes idades e gustos: libros que fan pensar, outros que fan sorrir e moitos que abren portas a mundos novos. Agardamos que cada páxina sexa unha pequena viaxe e que nesta primavera tamén floreza o pracer pola lectura.

mércores, 11 de febreiro de 2026

11 de Febreiro. Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia ofrécenos a oportunidade para lembrar algo moi importante: a ciencia é cousa de todas e todos. Ao longo da historia, moitas mulleres tiveron que superar grandes obstáculos para poder investigar e ser recoñecidas, polo que é fundamental visibilizar o seu papel e seguir avanzando cara á igualdade.

Desde a biblio queremos animar a todo o alumnado, e tamén ás familias, a mirar o mundo con curiosidade, facer preguntas e, sobre todo… experimentar! Porque a ciencia non só está nos laboratorios: está na cociña, no parque e en cada “por que?”.

Durante os próximos días, o alumnado levará un maletín á casa: cun libro de ciencia, un caderno de experimentos e unha folla en branco para escribir o seu propio experimento. Ademais, tamén vos deixamos nesta entrada o caderno de experimentos e o diploma por se queredes ter unha copia.

Animádevos a probar, descubrir e gozar en familia. A ciencia pode ser o mellor xogo!

luns, 12 de xaneiro de 2026

Recomendacións de inverno

 Xa chegou o inverno! É un tempo frío, de chuvias e ventos. Nesta época do ano os días son mais curtos e adoitamos pasar mais tempo na casiña, ben quentiños. 

Aproveitade para coller un bo libro e gozar coa súa lectura, de xeito individual, en familia ou con amigos e amigas. Desde a biblioteca deixámosvos unha seleccíon de lecturas para esta estación do ano. Agardamos que vos gusten e que pasedes un bo rato de aprendizaxes e novos descubrimentos. 

mércores, 3 de decembro de 2025

Experimenta... mais en galego! O noso mes da ciencia

Durante o mes de novembro celebramos no cole o Mes da Ciencia en Galego, unha ocasión perfecta para descubrir, investigar e sorprendernos… pero tamén para reflexionar sobre como facemos ciencia e quen a fai.

Este ano recibimos unha visita moi especial: Cienciña, unha pequena científica que chegou dende a nosa Biblio cunha mensaxe moi importante. Contounos que ás veces parece que a ciencia non fala galego… e que, se buscamos ben, tamén descubrimos que non hai tantos libros científicos escritos por mulleres. Por iso pediu a nosa axuda, para demostrar que a ciencia tamén pode estar en galego e que as nenas e as mulleres teñen moito que dicir neste eido.

A partir da súa carta puxémonos mans á obra: co material que Cienciña nos deixou nas aulas, comezamos a observar, preguntar e experimentar

Ademais, aproveitamos para coñecer mellor a biblioteca do centro. Comprobamos que hai pouca bibliografía en galego e que a presenza de autoras científicas é menor do que nos gustaría. Isto animounos aínda máis a continuar este camiño: lendo, investigando e creando contidos propios na nosa lingua.

Grazas a Cienciña e ao entusiasmo do alumnado, novembro converteuse nun mes cheo de curiosidade, aprendizaxes e experimentos. Agora sabemos que todas e todos podemos ser científicas e científicos, e que o galego é unha ferramenta perfecta para seguir descubrindo o mundo.

Aquí vos deixamos unha pequena documentación gráfica destas experiencias, que recollen o traballo, o esforzo e, sobre todo, a ilusión coa que vivimos este Mes da Ciencia en Galego.


Seguimos experimentando… e sempre, sempre, máis en galego!

mércores, 26 de novembro de 2025

Novidades novembro

Este mes de novembro, incorporamos á biblioteca escolar unha excelente selección de libros de investigación que enriquecerán o noso coñecemento en diversas áreas, especialmente de corpo humano e arte. 
Non volo perdades! Xa están dispoñibles para consulta e préstamo (recordade que a biblioteca está aberta a toda a comunidade educativa os luns á tarde, de 18 a 19 horas). 
Logo podedes compartir con nós as vosas impresións e opinións. 

martes, 25 de novembro de 2025

Lecturas para o 25 de novembro

Este mes a nosa biblioteca énchese de cores, palabras e emocións para celebrar unha data moi especial: o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Queremos aproveitar este momento para encher as aulas de historias que sementen igualdade, respecto e amizade. Porque os contos tamén poden axudar a cambiar o mundo, a ensinar que ninguén é máis ca ninguén e que todas as persoas temos dereito a ser tratadas con cariño e respecto.

Nesta semana tan importante, convidámosvos a ler, escoitar e compartir contos que nos falan de nenos e nenas valentes, libres e soñadoras, que non teñen medo de ser quen son nin de loitar polo que cren.

luns, 3 de novembro de 2025

Novembro: mes da ciencia en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ven impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

Dende a nosa biblio, queremos sumar esforzos para espallar o coñecemento científico en galego, espertar a curiosidade e fomentar o espírito investigador entre o noso alumnado. A ciencia axúdanos a comprender mellor o mundo que nos rodea, e tamén nos ensina a facer preguntas, buscar respostas e non deixar nunca de aprender.

Ao longo deste mes, propoñeranse diferentes recursos, experimentos e lecturas para descubrir que a ciencia tamén fala galego e que todas e todos podemos ser pequenos e pequenas científicas.

En palabras de Marie Curie: “na vida non hai nada que temer, só cousas que comprender”. Que mellor maneira de comprender o mundo que facelo na nosa lingua?

Na nosa biblio podes atopar algúns exemplares cheos de ciencia e curiosidade, para descubrir que aprender tamén pode ser unha aventura. Temos contos, inventarios e moitas historias agardando por ti; entre elas, podes atopar algunhas como:


E moitas máis! Achégate a coñecelas!